Thursday 02 de October de 2025

O BNG de Santa Comba reclama o cambio de ubicación da marquesiña de Busto pola súa perigosidade


O responsábel local, Juan David Sixto, denuncia que o lugar no que se instalou pon en risco ás crianzas usuarias do bus escolar

O BNG de Santa Comba esixe ao goberno municipal o inmediato cambio na ubicación da marquesiña instalada no Busto porque supón un grave risco para os nenos e nenas usuarios do autobús escolar. Na actual situación, vense na obriga de atravesar dúas rúas para acceder ao transporte público que na actualidade ten a súa parada nun cruce con complexa visibilidade e a distancia do lugar no que se instalou a marquesiña. (O cal obriga a cruzar pola parte dianteira o traseira do autobús co correspondente perigo)

O responsábel local do BNG de Santa Comba, Juan David Sixto, denuncia que a marquesiña instalada en Busto “non cumpre as medidas mínimas de seguridade e comodidade para a cativada que cada día ten que coller o bus escolar e vese na obriga de atravesar as rúas para acceder á parada o que fai difícil o acceso, en especial en días de chuvia e incrementa a súa perigosidade”.

O BNG de Santa Comba sinala que instalar a marquesiña a distancia de onde o autobús fai a súa parada e no lado contrario da porta de acceso do mesmo, introduce un risco maior xa que os nenos e nenas agardan nun lugar polo que o servizo público non pasa. “Non lle vemos explicación, non ten sentido que cada mañá teñan que esperar nun sitio e, para coller o bus, ir a outro que se sitúa precisamente nun cruce, o que fai maior a súa perigosidade… ou queren que non se use a marquesiña ou non pensaron ben as consecuencias que pode ter no seu uso diario”.

Por iso, o grupo nacionalista esixe ao goberno municipal que “proceda de maneira inmediata a trasladar a marquesiña a outro lugar e busque unha solución que evite riscos innecesarios para as nenas e nenos”.

Neste sentido, o responsábel municipal, Juan David Sixto rexistrou no concello unha iniciativa encamiñada a que o goberno municipal estude de maneira urxente a situación e facilite o acceso ao transporte público á cativada do lugar do Busto que cada día teñen que trasladarse para acudir aos seus centros de ensino.

Achéganse foto da marquesiña e plano do percorrido do transporte.

Deja un comentario