
• Esixiran un informe técnico que acreditara que o importe a pagar nas facturas pendentes se axustaba a prezos de mercado
• Sobre os prazos para a nova licitación do transporte urbano dan por satisfeitas as súas esixencias, co compromiso de iniciar o proceso entre outubro e novembro
As concelleiras non adscritas votarán a favor dos recoñecementos extraxudiciais de crédito que este xoves se someterán novamente a votación no pleno municipal para o pago de facturas pendentes do transporte urbano do ano 2024. Farano despois de que o goberno local atendera as dúas esixencias que Gonzalo Muíños, Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez fixaran xa no mes de xuño para mudar a abstención por un voto afirmativo.
Concretamente, as dúas esixencias pasaban por xustificar que as facturas a pagar cun mecanismo “extraordinario” se axustaran a prezo de mercado baixo criterios técnicos e, por outra banda, que se desbloqueara a nova licitación do transporte urbano. Logo de manter diferentes reunións co concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, Muíños anunciou este mércores que as súas esixencias “foron atendidas satisfactoriamente” e que, agora si, mudarán o seu voto para facilitar a aprobación -a abstención non era suficiente, toda vez que o Partido Popular votou en contra-.
Sobre a primeira condición, Muíños explica que se trataba dun informe “imprescindible” para completar o expediente, e que recibiron nas últimas semanas, a pesar de ser solicitado ao goberno local xa no mes de xuño. De feito, a propia intervención municipal advertía no seu informe ao expediente orixinal de que “non queda acreditado que o importe da indemnización a satisfacer á operadora polo subministro dos vehículos se corresponda co importe liquidado que se propón”. Isto é así toda vez que o goberno local, para o alugueiro provisional de novos autobuses realizado a finais do 2023, non solicitara previamente ofertas a outros provedores -a diferencia do que ocorreu no alugueiro previo doutros vehículos, realizado polo goberno de Sánchez Bugallo-.
“Era fundamental poder contar co respaldo xurídico deste informe xa que, a maiores do que advertía o informe do interventor municipal, o Partido Popular, ademais de votar en contra do expediente, advertiu de que estaban valorando remitir a documentación aos órganos competentes en materia de anticorrupción e de responsabilidade contable porque adoecía dunha tramitación incompleta” afonda Muíños. De feito, o concelleiro non adscrito, defende que se trata de “esixencias lóxicas”, lembrando que xa foran explicadas tamén á representación sindical do transporte urbano co que se reuniron as non adscritas a pasada semana.
“A nova licitación do transporte sairá a finais de outubro ou principios de novembro”
Sobre a segunda esixencia que as non adscritas formularon para desbloquear o expediente, Gonzalo Muíños trasladou aos medios de comunicación que o concelleiro de Mobilidade se comprometeu a que no vindeiro mes se iniciara o proceso de licitación do novo contrato para o transporte urbano. “O que nos din é que actualmente só queda pendente o filtro de asesoría xurídica e a intervención municipal, polo que a finais de outubro podería iniciarse a licitación, sen dilatarse máis aló da primeira quincena de novembro”.
Atendendo a estes prazos, as concelleiras non adscritas consideran “razoable” desbloquear o expediente xa que, ante esa votación “agora contamos cunha maior seguridade xurídica de que a decisión que adoptamos se axusta a dereito e, por outra banda, avanzamos coa certeza de que, cando chegue ao pleno municipal a liquidación do transporte correspondente a este ano, o servizo xa estará regularizado ou en vías de regularización”.
Gonzalo Muíños que concluíu a súa intervención recoñecendo a vontade de diálogo do concelleiro de Mobilidade, de Xan Duro, “a diferencia do que aconteceu coa Alcaldesa”: “nós mantivemos e seguiremos a manter unha actitude propositiva pero tamén esixente, e o goberno local ten que entender que, para que as cousas avancen, debe dialogar, ofrecer garantías ante expedientes con reparos como este, e desbloquear aqueles proxectos que acordamos como prioritarios para este ano, como ocorre co transporte urbano”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.