
O Concello de San Sadurniño vén de remitir un escrito formal a Correos para denunciar os reiterados retrasos na entrega da correspondencia e reclamar a mellora inmediata do servizo. A administración local alerta de que a situación está a causar “graves prexuízos” á veciñanza e incluso ao propio Concello como usuario. Sirva como exemplo que, segundo puido saber o consistorio, os últimos boletíns Novas con información municipal non chegaron a todos os domicilios e ademais, tal e como lle trasladaron ao Concello varias persoas, as cartas ordinarias -recibos, extractos bancarios e outras comunicacións- tampouco se estarían repartindo coa puntualidade á que Correos está obrigado como prestador do Servizo Postal Universal.
A comunicación, asinada polo alcalde Secundino García Casal, incide en que os problemas veñen de varias semanas atrás e están relacionados tanto coas baixas médicas do persoal de reparto coma coa recente xubilación da carteira que atendía San Sadurniño e Santa Mariña. Segundo se explica no escrito, estas ausencias estanse a cubrir “de maneira puntual con persoal doutras zonas”, que debe compatibilizar o reparto nas súas carteirías coas de San Sadurniño a pesar de non coñecer o territorio.
O goberno local entende que esta fórmula non garante unha prestación axeitada do Servizo Postal Universal, xa que provoca retrasos acumulados que afectan tanto a persoas particulares como ás institucións. Segundo puido saber o Concello, Correos estaría, ademais, priorizando a paquetería e as notificacións fronte ao correo ordinario, “precisamente aquel do que máis depende boa parte da nosa veciñanza, especialmente a de maior idade”, subliña o rexedor no seu escrito de reclamación.
Como exemplo dos problemas xerados, a Administración local cita o reparto dos boletíns municipais Novas. A publicación, que se edita cada mes e medio para informar da actualidade local e da axenda cultural, está a chegar con varios días ou incluso semanas de atraso, como puido constatarse nas parroquias de Naraío e Igrexafeita, onde varias veciñas e veciños non chegaran a recibir a revista e nalgún caso incluso recibiron un número anterior.
O Concello lembra que Correos ten a obriga de distribuír os boletíns municipais nun máximo de seis días desde a súa entrada na oficina de reparto, algo que neste momento non se está a cumprir. “Esta deficiencia supón un incumprimento claro das obrigas que ten Correos como prestadora do Servizo Postal Universal”, recóllese na reclamación.
Neste sentido, o Concello de San Sadurniño demanda que se adopten medidas inmediatas para restablecer a normalidade, garantindo tanto a cobertura estable do reparto como a atención en oficina. “Agardamos unha resposta por escrito e, sobre todo, unha solución urxente ao problema”, conclúe o alcalde no documento remitido á empresa pública.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.