O Concello de Riveira informa do inicio das obras para a mellora da seguridade viaria e renovación de servizos na rúa Francisco Lorenzo Mariño (segundo a nomenclatura do BOP: DP 7305 entre o p.k. 0+000 da DP 7306 e o cruzamento coa rúa Carreiro), vía principal de entrada ao núcleo de Aguiño.
Esta actuación está incluída no Plan de Travesías da Deputación, segundo un proxecto técnico elaborado no Concello. A empresa encargada de levalas a cabo é Exoga (Excavaciones y Obras Públicas de Galicia, S.L.). Son de financiación provincial e supoñen un investimento de 304.900 euros, IVE incluído.
A actuación inclúe a renovación de beirarrúas ao longo dun tramo de máis de 700 metros, modificando a súa disposición alí onde sexa necesario ata acadar un ancho mínimo de 1,80 metros pola banda esquerda (indo en dirección Aguiño) e entre 1,40 e 4,47 na parte dereita.
Tamén se construirán seis pasos elevados para afianzar a seguridade dos peóns, instalaranse dúas liñas de pluviais (unha en cada marxe) e soterrarase a canalización eléctrica. Permitirá crear arredor de 70 aparcadoiros, o dobre dos existentes actualmente.