
• O prazo de preinscrición permanecerá aberto ata o 29 de setembro e as actividades comezarán o 13 de outubro
O Concello de Cariño abriu o prazo de preinscrición para participar nas Escolas Deportivas e nos Obradoiros Culturais do curso 2025-2026. O prazo estará aberto ata o luns 29 de setembro ás 14:00 horas e poderá formalizarse a través dun formulario en liña dispoñible nas redes sociais municipais. Aquelas persoas que necesiten axuda ou non dispoñan de medios poderán inscribirse de maneira presencial no Servizo de Deportes, situado na Casa do Concello.
As actividades comezarán o 13 de outubro e desenvolveranse ata o 31 de maio de 2026, ofrecendo unha programación diversa dirixida tanto a nenos e nenas como a persoas adultas. Xa están dispoñibles os horarios provisionais, que recollen os grupos por idades e os espazos onde se desenvolverán, aínda que poderían modificarse en función da dispoñibilidade de monitores e instalacións. A oferta deste curso inclúe propostas como aquagym, balonmán, pilates, patín, teatro, psicomotricidade e xogos, baloncesto, bádminton, atletismo ou natación, que se desenvolverán en espazos como o colexio, a piscina, o instituto ou o auditorio.
En canto ás taxas, establécense prezos especiais para natación e aquagym, con descontos progresivos por cada participante adicional. Os non socios pagarán 22 euros ao mes e os socios 11 euros, con reducións adicionais en caso de inscricións múltiples. Para as Escolas Deportivas e Teatro, os nenos e nenas abonarán 12,80 euros ao ano por actividade, cun desconto do 30% para familias que inscriban a tres menores, mentres que os adultos pagarán 25,60 euros ao ano por actividade. No caso do teatro infantil, a taxa será de 6 euros por cuadrimestre, coa posibilidade de realizar un único pago anual de 12 euros.
Para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse ao Servizo de Deportes do Concello de Cariño ou chamar ao teléfono 981 405 064.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.