Thursday 02 de October de 2025

Abegondo obtén 700.000 euros da Xunta para a reforma e ampliación do polideportivo municipal


• O Concello aprobou hoxe en pleno o suplemento de crédito para sumar outros 783.000 euros ao proxecto, que en total supoñerá un investimento de 1,4 millóns

• Tamén se destinan fondos ao aparcamento do novo centro de saúde e á compra dunha parcela para vivendas para mozas

O Concello de Abegondo aprobou hoxe en pleno un suplemento de crédito a cargo do remanente de tesourería por valor de 1.082.394 euros para levar a cabo tres actuacións de envergadura no municipio. O alcalde, José Antonio Santiso, explicou que se trata de “investimentos prioritarios” para impulsar “servizos de calidade para vos veciños” grazas á boa saúde económica do Concello.
O investimento principal consistirá na ampliación e reforma do polideportivo municipal de San Marcos. A Xunta de Galicia, a través da Coinsellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, confirmou hoxe a achega de 700.000 euros para a actuación, que terá un orzamento total de 1.483.831,35 euros. A contía restante, un total de 783.831,35 euros, é a incluída polo Concello no suplemento aprobado hoxe.
O proxecto consistirá na reforma integral do pavillón, a principal infraestrutura deportiva de Abegondo, con actividade diaria de múltiples actividades. En liñas xerais, o Concello remodelará todas as instalacións, ampliando e modernizando o ximnasio, vestiarios, salas e zonas comúns.
“Levaremos a cabo unha modernización completa do polideportivo, queremos contar con instalacións actualizadas e adaptadas á gran demanda de uso por parte dá cidadanía”, sinalou o primeiro edil.
Outra contía do suplemento validado hoxe diríxese ás obras de creación dun aparcamento e accesos ao futuro centro de saúde. Sitúase en 198.568,65 euros. Servirá para urbanizar os terreos adquiridos polo Concello para propiciar o estacionamento e habilitar a entrada e saída desde a AC-542.
O alcalde informou de que a Xunta avanza a bo ritmo cos traballos de construción da dependencia sanitaria. Prevese poder inauguralo na primavera.
E por último, a terceira contía incluída no suplemento é de 100.000 euros e destínase á adquisición dunha parcela rústica próxima aos núcleos urbanos do municipio. O obxectivo é desenvolver unha actuación pioneira para a creación de vivendas pensadas para a poboación nova.
Santiso indicou que esta partida incrementará os 400.000 euros xa reservados no orzamento municipal.
O suplemento foi aprobado por unanimidade do pleno. Á sesión non puideron acudir edís da oposición.

Deja un comentario