Thursday 02 de October de 2025

O I Pumptrack Concello de Miño formará parte da Copa Galicia


● A competición celebrarase o sábado 27 de setembro no circuíto de pumptrack de Miño.

● As inscricións deberán realizarse a través da Federación Galega de Ciclismo.

● Tamén se celebrará unha proba para corredores locais á que será posible anotarse o mesmo día de 15 a 15:30 horas.

O circuíto de Pumptrack de Miño, inaugurado en 2023, albergará o I Pumptrack Concello de Miño, competición que formará parte da Copa Galicia deste deporte. A proba, organizada pola entidade A.E.S Sportkids en colaboración coa Federación Galega de Ciclismo, o Concello e o Club Ciclista Miñotauros, celebrarase o sábado 27 de setembro e tamén contará cunha modalidade para corredores locais.

Os adestramentos comezarán ás 15:00 horas e, posteriormente, ás 16:30 horas, celebrarase a liga local entre os corredores do Concello de Miño. Para participar nesta proba hai que anotarse o mesmo día, entre as 15 e as 15:30 horas.

A clasificatoria da Copa Galicia comezará ás 17 horas e a final celebrarase a partir das 18:30 horas. Para anotarse, tanto os federados como os non federados, deben cubrir o formulario que poden atopar na páxina web da Federación Galega de Ciclismo. Conta con diferentes categorías: promesa, principiante, alevín, infantil, cadete, júnior, sub-23, elite, #máster30, #máster40 e #máster50.

O día da competición a zona de estacionamento estará reservada para as carpas dos equipos participantes, polo que se prohibirá o acceso aos vehículos. Habilitaranse as zonas lindeiras ao aparcamento de autocaravanas para que o público poida estacionar.

Deja un comentario