
A alcaldesa, Inés Rey, presentou a proba, que homenaxea este ano á asociación ‘A Ciencia é feminino’ e a Julia Benedetti
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou esta mañá a Carreira da Muller, que se celebrará este domingo 28 de setembro e contará coa participación de máis de 8.000 persoas. A cidade volverá a ser unha das sedes nacionais desta proba cun percorrido de 6,3 quilómetros polo paseo marítimo que partirá de Riazor e chegará ata a Torre de Hércules.
“Un ano máis, as rúas da cidade volverán tinguirse de rosa e farano novamente en clave solidaria. Os fondos recadados servirán para seguir loitando contra o cancro, promover a investigación en materia preventiva e, en paralelo, reivindicar os dereitos das mulleres contra a discapacidade”, sinalou a alcaldesa. Rey estivo acompañada pola concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Nereida Canosa, e polo concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez. Ademais, tamén participaron no acto Montse Vázquez, Presidenta Bolboretas Coruña (entidade beneficiaria do proxecto de +SolidariAs este ano); Marta Núñez, de ACADAR; e Henar Calleja, voceira da proba.
Durante a rolda de prensa, deuse homenaxe á Asociación “A Ciencia é feminino” dentro do proxecto MásQueUnaMuñeca que o ano pasado presentou o modelo de boneca científica e este ano de astronauta. “A Ciencia é feminino” é o programa de radio de CUAC FM sobre científicas galegas que se emite cada 15 días os domingos de 12 a 13 horas na 103.4 FM. O domingo, xusto antes da saída, renderase tamén unha merecida homenaxe á coruñesa Julia Benedetti, olímpica galega en skateboarding nos Xogos de Tokyo e de París. Dentro das iniciativas solidarias da proba, volverá se é posible conseguir un dos 50 dorsais totalmente solidarios a favor da favor de ACADAR (Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia), unha entidade que promove, coordina e reivindica a defensa dos dereitos das mulleres con discapacidade, e coa que a organización da carreira leva colaborando directamente varios anos. Na sección +Solidarias este ano na Coruña destácase a Bolboretas Coruña Dragon Boat, unha asociación deportiva e cultural sen ánimo de lucro, formada integramente por persoas que padeceron ou padecen cancro de mama e sen límite de idade e que practican a modalidade deportiva de Dragon Boat, que axuda a minimizar e mellorar as secuelas tanto físicas (a máis frecuente o linfedema), como psicolóxicas que quedan tras as cirurxías e tratamentos.
En 2025 o obxectivo desta proba segue sendo difundir a práctica do running e do exercicio aeróbico entre as mulleres de todas as idades, loitar contra o cancro, recadar fondos para promover a súa investigación e concienciar sobre a importancia da súa prevención anticipada, así como combater a violencia de xénero (todas as participantes locen o dorsal 016, teléfono de atención ás vítimas de violencia machista) e as desigualdades sociais e educativas que sofren as mulleres en todos os ámbitos. Inés Rey destacou durante a rolda de prensa que A Coruña é unha cidade que destaca pola alta participación das mulleres nas carreiras populares organizadas polo Concello. Este ano, no circuíto Coruña Corre supérase o 30% de participación feminina.
Ao finalizar o circuíto realizarase unha achega á Asociación Española Contra o Cancro de 90.000 euros, e tamén se farán doazóns de 1.000€ a Wanawake Muller que loita contra a mutilación xenital feminina e outras formas de violencia cara ás mulleres; Fundación GEICAM, líderes en investigación en cancro de mama; e a Asociación Clara Campoamor que defende os dereitos da muller en todos os ámbitos.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.