
Un total de catro obras teatrais enmarcadas no Circuíto de Teatro Amador da Federación Galega de Teatro Afeccionado chegan a Oleiros os días 27 e 28 de setembro e 4 e 5 de outubro.
O vindeiro sábado 27 de setembro, ás 19:30 horas, no auditorio do Centro Cultural A Fábrica terá lugar a primeira obra de teatro afeccionado “Croquetas” da Agrupación Teatral Mariñán. Unha comedia dunha hora de duración dirixida por Anatoly Gorbunov onde o inevitable desastre da combinación dun director nefasto e uns intérpretes ineptos son o eixo principal dunha trama que fará as ledicias do público asistente.
O domingo 28, á mesma hora, será a quenda de “Heroes en decembro” de Abran Paso! Teatro. Unha comedia de Eva Mir dirixida por Diego Chamiso cuxa trama é protagonizada por catro suicidas que acceden a un programa de repoboación rural a modo de terapia grupal. Unha traxedia con moitos toques de humor que convida ao espectador a reflexionar sobre a importancia da saúde mental e da empatía: unha radiografía da realidade social actual desde unha outra perspectiva.
O sábado 4 de outubro será a quenda de “A conspiración da piolla” de Tiruleque, Grupo de Teatro. Unha comedia de Pepe Prada na que nun país imaxinario da época actual, un comando contrario ao réxime establecido está maquinando atentar contra o tirano que goberna o país. As diferencias entre os conspiradores sobre o mellor método para rematar co ditador e por controlar a cédula acaban por facelos vítimas da súa propia ansia de poder.
A derradeira xornada do ciclo será o vindeiro domingo 5 de outubro ás 19:30h coa obra “Os veciños do lado” de Fauna 113 e dirixida por Fernanda Barrio e Marcos Alonso. Unha comedia cuxo eixo principal é unha cea de cortesía entre veciños que remata nun encontro disparatado cheo de dobres intencións e segredos inconfesables.
A entrada a todas as representacións é libre ata completar a capacidade da sala.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.