Thursday 02 de October de 2025

A renovada rúa San Andrés pecha ao tráfico o domingo pola mañá polo Día sen Coches, con actividades para todos os públicos


De 10.00 a 14.00 horas haberá propostas orientadas ao fomento da mobilidade sostible e a concienciación sobre a seguridade viaria, con xogos infantís e percorridos de patinaxe

A programación da Semana Europea da Mobilidade chegará este domingo 21 á rúa San Andrés, que acollerá pola mañá os actos previstos polo Día sen Coches, unha xornada na que haberá actividades de ocio para todos os públicos, enfocadas a concienciar sobre a importancia da mobilidade sostible e a seguridade viaria.

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, lembrou que a celebración do Día sen Coches en San Andrés xa foi un éxito en anos previos, “e foi fundamental para que a cidadanía valorase os beneficios da recuperación de superficies peonís, máis osixenadas e abertas a camiñar”. Isto abriu camiño, xa posteriormente, á reurbanización da rúa que executou o Goberno de Inés Rey no presente mandato, cun investimento de 3,2 millóns.

Agora, con San Andrés remodelada baixo a inspiración da súa configuración orixinal, con máis arboredo e espazos peonís, o Día sen Coches volve cunha ampla axenda de propostas para todas as idades. Será de 10.00 a 14.00 horas, cando se cortará a rúa ao tráfico rodado no treito comprendido entre a praza de Pontevedra e Pórtico.

Neste sentido, o Concello contará coa colaboración da Dirección General de Tráfico (DGT), Stop Accidentes, Mobi-liza, Galicia Rollers e Sistema Lupo, así como da Asociación Xuvenil Escóitame, encargadas da organización de diversas actividades que, na súa meirande parte, estarán orientadas a rapazas e rapaces de 3 a 15 anos. Haberá un espazo didáctico de tráfico, xogos infantís e tamén unha área específica con percorridos para patinaxe.

Deja un comentario