Thursday 02 de October de 2025

Inés Rey súmase ás voces que esixen poñer fin ao xenocidio en Gaza


Integrantes da Corporación municipal, persoal do Concello e cidadáns da Coruña participaron na concentración convocada pola FEGAMP, na que se gardou un minuto de silencio polas vítimas civís da campaña militar israelí

Representantes da Corporación municipal, persoal laboral do Concello e cidadáns da Coruña tomaron parte este venres na concentración convocada pola FEGAMP como mostra de condena e rexeitamento polo xenocidio en Gaza, un acto que tivo lugar ao mediodía na praza de María Pita e que rematou cun minuto de silencio en lembranza das vítimas.

A alcaldesa, Inés Rey, destacou a necesidade desta unánime condena no contexto dunha acción militar “que, con todas letras e tal e como a definiu a ONU, é un xenocidio ante o que a cidadanía de todos os países non podemos dar a espalda, manternos na equidistancia e ante a, desde logo, hai que tomar partido pola legalidade internacional e os dereitos humanos, neste caso do pobo palestino, que está a ser exterminado e masacrado polo estado de Israel, coa connivencia e complacencia dalgúns países”.

A rexedora amosou a súa máxima condena e rexeitamento e lembrou que “se na Segunda Guerra Mundial asistiuse a un salvaxe xenocidio por parte do réxime nazi fronte ao pobo xudeu, hoxe é outro xenocidio ao que estamos a asistir. Deberiamos tomar conciencia da gravidade da situación e, polo tanto, poñerlle freo canto antes. Mentres tanto, damos voz ao pobo palestino e a todas as persoas que estamos en contra deste salvaxe ataque de Israel, e pedimos que cese xa esta inxusta incursión militar que non ten outro obxectivo que o de exterminar a un pobo e o de matar a milleiros e milleiros de inocentes para destruír un territorio e logo repartilo en base a intereses espurios”.

Deja un comentario