Friday 22 de November de 2024

Igualdade destaca a importancia das medidas postas en marcha polo goberno galego para a loita contra a violencia de xénero e a axuda ás vítimas


A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentou hoxe no Parlamento o Informe Anual de Violencia de Xénero en Galicia do ano pasado

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella destacou hoxe a importancia das medidas postas en marcha por todos os departamentos do goberno galego que teñen coma fin principal a loita contra a violencia de xénero e a axuda ás vítimas e ao seu entorno familiar.

López Abella presentou hoxe no Parlamento o Informe Anual de Violencia de Xénero en Galicia do ano pasado, atendendo ao cumprimento establecido na Lei galega 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e o tratamento integral violencia de xénero, que recolle a obriga de remitir ao Parlamento con carácter anual, un informe sobre a situación da violencia de xénero en Galicia, contando coas achegas de todos os departamentos implicados na prevención e no tratamento da violencia contra as mulleres que constitúe un atentado contra a súa liberdade, a súa dignidade e a súa integridade.

A titular de Igualdade indicou que o pasado luns xa foi remitido o informe ao Presidente do Parlamento de Galicia e aos cinco grupos parlamentarios da Cámara, organizado por artigos da propia Lei galega 11/2007, para facilitar o seu obxectivo principal, que é verificar o seguimento de todos os compromisos e medidas nela establecidos.

Na súa comparecencia, a titular de Igualdade relatou as medidas e actuacións levadas levadas a cabo pola Comunidade Autónoma de Galicia ao longo do ano 2015, nas que se engloban as diversas medidas de sensibilización contra a violencia de xénero, de investigación e formación; no ámbito educativo; medidas de protección e asistencia: medidas no ámbito xudicial; medidas no ámbito da formación e do Emprego; e o sistema de protección e asistencia integral e especializada fronte á violencia de xénero.

Axudas económicas
Neste eido, López Abella relatou as axudas económicas do goberno galego para favorecer a autonomía das mulleres que estean en situación de violencia de xénero, coma son as axudas de pagamento periódico, das que o número de beneficiarias en 2015 foi de 339 mulleres, das cales o 79 por cento tiña nacionalidade española e o 21 por cento estranxeira. Das 339 beneficiarias, o 60 por cento tiñan fillos/as. Da totalidade das beneficiarias sinalar que 25 eran mulleres con discapacidade.

As axudas de pagamento único foron percibidas por 89 mulleres, das que o 85% tiña nacionalidade española. Das 89 mulleres, o 78% delas tiña fillos/as, e 19 delas eran mulleres con discapacidade.

Protección e Asistencia integral e especializada fronte á violencia de xénero
A Xunta de Galicia en colaboración cos concellos e outras institucións presta axuda ca Rede Galega de acollemento este servizo dirixido a mulleres que sofren malos tratos e ás súas fillas/os. En Galicia hai 5 casas de acollida e o número total de usuarias/os foi de 160: 82 mulleres e 78 menores. A ocupación media foi do 56%.O orzamento destinado no ano 2015 foi de 307.000 euros, para o financeamento de gastos correntes derivados do funcionamento do servizo, e para gastos derivados da adquisición de equipamento e do mantemento e mellora das infraestruturas.

Nos 80 Centros de Información ás Mulleres, que contaron cunhas axudas da Xunta de 3,7 millóns de euros foron atendidas 18.363 persoas, e realizadas 77.274 consultas. A maioría das consultas foron na área de atención psicolóxica e na área xurídica. O Centro de Emerxencia de Vigo para mulleres vítimas de violencia de xénero, tivo durante o ano pasado unha ocupación de 100 persoas: 67 mulleres e 33 menores. No 2015 o CRI atendeu a 95 persoas: 39 mulleres e a 56 fillos/as de estas mulleres. E no ano 2015 asináronse 11 convenios de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, para programa de atención a mulleres inmigrantes en situación de prostitución e/ou trata con fins de explotación sexual, que atenderon a 6.688 mulleres.

Entre outras medidas, López Abella fixo especial fincapé en que en decembro puxose en funcionamento a primeira aplicación para móviles Escapp, que achega información de utilidade ás mulleres que se atopan nunha situación de violencia de xénero elaborado dende a Secretaria Xeral en colaboración co Colexio Profesional de Informáticos de Galicia. Tamén o servizo de atención 24 horas, mediante o Teléfono da Muller 900400273 coma servizo gratuito, anónimo, que funciona as 24 horas do día en toda a comunidade, e que durante o ano 2015 recibiu 4.565 chamadas, maioritariamente de atención psicolóxica.

Medidas de Protección e asistencia fronte a violencia de xénero
Grazas ao programa de atención psicolóxica a mulleres que sufran violencia de xénero e para as e os menores, así como outras persoas dependentes que vivan ou padezan estas situacións de violencia de xénero levado a cabo coa colaboración do Colexio Oficial de Psicoloxía, foron beneficiadas 548 persoas, un 54 por cento máis que no 2014, 399 mulleres, 119 menores e 30 persoas dependentes, e participaron na intervención 117 profesionais da psicoloxía.

No programa Abramos o Círculo xestionado a través dun Convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral da Igualdade e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, participaron un total de 114 homes, o que supón un incremento dun 22 por cento máis que no ano 2014, e interviron 76 profesionais da psicoloxía. En 2015 elaboráronse 10.000 dípticos para a súa distribución informando deste programa.

O programa Desconexión ofertado pola Secretaría Xeral da Igualdade ás entidades locais adheridas á Rede Galega de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero, ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa FEGAMP foi desenvolto en 12 entidades locais. E o programa de intervención con nenos e nenas vítimas de violencia de xénero levado a cabo en colaboración coa Fundación Meniños, en Lugo, Ourense e Vigo, en colaboración cos CIMs e centros de acollida destas localidades participaron 26 familias e un total de 40 menores.

Medidas e actuacións do goberno galego
Susana López Abella relatou as medidas de sensibilización contra a violencia de xénero levadas a cabo pola Xunta o pasado ano como a Campaña do 18 de outubro de 2015. Día europeo contra a trata de persoas, a Campaña do 25 de novembro 2015: Día Internacional contra a violencia de xénero, a Andaina contra a violencia de xénero “Camiño ao respecto”, e destacou que no 2015, por primeira vez, o o goberno galego e as tres universidades, levaron a cabo unha campaña de sensibilización e información destinada ao alumnado universitario: “Todos os días loitando contra a violencia de xénero” que percorreu os 7 campus galegos onde se instalaron puntos de atención con material informativo.

Outras das actuacións no ámbito da prevención e da sensibilización fronte á violencia de xénero foron actuacións de prevención da ciberviolencia de xénero, as XIII Xornadas de pais e nais educando en Igualdade, a distribución de 1.000 Guías de apoio para profesionais: Ciberviolencia de xénero e sexual na adolescencia. Coñecer para combater, e a realización de Obradoiros “Violencia de xénero e novo contexto dixital”, en 25 concellos galegos.

Ademais, convocouse por primeira vez, no 2015 o I concurso “Comunicar en Igualdade”, un premio tenta recoñecer os traballos xornalísticos que teñan contribuído á defensa e difusión dos valores da igualdade e a loita contra a violencia de xénero

Cursos específicos de formación
Ademais levaronse a cabo gran cantidade de cursos cursos específicos para o persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, nos que se desenvolveron 14 cursos de formación nos que participaron 860 persoas. Para o persoal ao servizo da Administración de xustiza de Galicia, realizouse o curso de Violencia de xénero e familiar no que participaron 150 persoas. Para profesionais do ámbito sanitario: a través do Servizo Galego de Saúde e continuando coa formación en violencia de xénero dos/as profesionais do ámbito sanitario de Galicia, realizou 4 cursos no que participaron 245 persoas. Para profesionais dos Centros de Información ás Mulleres, a Secretaría Xeral da Igualdade organizou dous cursos:”Ferramentas comunicativas que se aplican na transformación de conflitos” e “O uso da técnica da Caixa de Área”, nos que participaron 60 profesionais dos CIMs, ao igual que para profesionais dos Puntos de Encontro Familiar e dos Gabinetes de Orientación Familiar, para o persoal das Oficinas xudiciais de atención ao cidadán e ás vítimas, e para profesionais da psicoloxía, para os que leváronse a cabo tres obradoiros formativos dirixidos aos profesionais dos CIMs e do Centro de recuperación integral para Mulleres que sofren Violencia de Xénero, nos que participaron 124 profesionais.

Tamén realizouse unha xornada de “Violencia de Xénero e Seguridade pública” para as forzas e corpos de seguridade pública e emerxencias nas que participaron máis de 200 profesionais. E un Curso “Igualdade e tratamento mediático da violencia de xénero” dirixido a todos os profesionais da comunicación e da publicidade no que participaron 116 persoas.

Medidas no ámbito xudicial
Na atención xurídica e asistencia letrada, as actuacións certificadas polos Colexios de Avogados nos tres primeiros trimestres do ano 2015 (defensa xurídica da muller en dilixencias policiais, orde de protección e procedementos administrativos relacionados) foi de 501 asuntos. Por parte da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia levouse a cabo durante o ano 2015 o personamento en exercicio da acusación popular en 6 procesos penais por violencia de xénero con resultado de norte. E o Servizo de xustiza penal xuvenil, da Dirección Xeral de Familia e Inclusión levou a cabo actuacións de prevención e tratamento da violencia de xénero nos centros de menores de execución de medidas xudiciais.

No relativo ás medidas de apoio e protección, na nosa comunidade hai 22 dispositivos activos no marco das medidas de afastamento no ámbito da violencia de xénero, e o servicio Telefónico de Atención y Protección para Víctimas de Violencia de Género (ATENPRO), rexistrou en Galicia un total de 436 altas.

O 6 de outubro de 2015 asinouse o convenio de colaboración entre o Ministerio do Interior e a CCAA de Galicia para integrar o punto de coordinación das ordes de protección de Galicia co sistema de seguimento integral nos casos de violencia de xénero (Sistema Viogen). E con data 31 de decembro de 2015 foron 2.934 casos activos en Galicia.

Medidas no ámbito da formación e do emprego.
A Orde do 20 de xullo de 2015 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas fundacións e entidades sen ánimo de lucro, permitiu a contratación de 25 mulleres vítimas da violencia de xénero. En 2015 emitíronse no PCOP 121 informes para os efectos da incorporación de mulleres vítimas de violencia de xénero ao Programa de inserción laboral. As mulleres vítimas de violencia de xénero son consideradas colectivo prioritario: na contratación por conta allea, nos programas de emprego autónomo e nos programas das iniciativas emprendedoras e de emprego. Ademais concedéronse axudas a 19 empresas para a implantación de plans de Igualdade e establécese a obriga da confidencialidade no ámbito laboral, tanto para o empresariado, a representación sindical e as entidades formadoras.
.
Acordos interinstitucionais e instrumentos de colaboración
Foron asinados diferentes convenios coma o convenio de colaboración entre o Ministerio de Sanidade, Servizos Socias e Igualdade e a Vicepresidencia para promover a sensibilización social fronte á violencia de xénero e a inserción laboral das mulleres que sufriran esta violencia. O Convenio de colaboración entre o Ministerio de Igualdade, e a Comunidade Autónoma de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, para a prestación do servizo telefónico 016 de información e asesoramento a mulleres vítimas de violencia de xénero.

Asinado o protocolo de colaboración entre a Secretaría Xeral da Igualdade e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), para establecer unha Rede de entidades locais en contra da violencia de xénero e realizar outras accións de sensibilización social en contra da violencia de xénero: A data 31 de decembro de 2015 están adheridas a esta rede 162 entidades locais. O acordo de colaboración entre a Vicepresidencia e a Federación de autónomos do taxi de Galicia (FEGATAXI), para a colaboración no apoio ao traslado das mulleres vítimas da violencia de xénero. Centros de acollida das mulleres vítimas da violencia de xénero: Durante o ano 2015 fíxose uso deste servizo para a realización de 94 traslados a diferentes centros de acollida.

Ademais, dun protocolo de actuación institucional sobre adopción de medidas de prevención, investigación e tratamento ás vítimas de trata con fins de explotación sexual, o ano pasado continuose coa colaboración con organizacións sen ánimo de lucro para o desenvolvemento das diversas actuacións de prevención e asistencia ás vítimas de trata. E o protocolo de derivación entre as Comunidades Autónomas para a Coordinación das súas Redes de Centros de Acollida para as Mulleres vítimas da violencia de xénero e dos seus fillos e fillas

Susana López Abella destacou que o pasado 26 de outubro de 2015 asinouse un protocolo, entre a Xunta de Galicia e o Ministerio do Interior, para a coordinación da actuación e a cooperación, en materia de violencia de xénero, entre a Unidade de Policía Adscrita (UPA) e a Xefatura Superior de Policía en Galicia. Este protocolo complementa o convenio de colaboración asinado entre o Ministerio do Interior e a Comunidade Autónoma de Galicia, o 6 de outubro de 2015, que poñía á disposición da Xunta de Galicia a aplicación informática, de uso policial, VIOGEN onde se rexistra a valoración inicial de risco que presenta cada vítima e as medidas de protección necesarias en materia de violencia de xénero.