
A firma radicada en Miño e o Concello proban o potencial da Mazá Santiaguesa para elaborar xeados que só se poderán degustar durante a cita deste sábado
Este sábado 30 de agosto temos feira en San Sadurniño. As previsións do tempo anuncian que non vai facer día de praia e que mesmo pode chuviscar algo -pouca cousa e puntual-, pero tamén vaticinan que imos ter temperaturas próximas aos 25 graos. Condicións ideais, polo tanto, para vir dar unha volta pola Cortiña, comprar produto -variado, de calidade e a bo prezo- e participar nos sorteos, degustacións e actividades organizados polo Concello. É máis, a mellor opción é vir pasar o día á XVI Feira Rural, onde haberá sitio para xantar e moito onde elixir para tomar unha sobremesa ben rica. E é que entre os postos que acudirán ao evento non faltarán os de biscoitos, galletas e delicadezas coma o Bico de Xeado, que traerá un sabor novo e exclusivo para o evento: xeado de Mazá Santiaguesa cultivada en Naraío, elaborado co leite das vacas que se crían en Santa Mariña do Monte. Máis de aquí non pode ser.
A marca de xeados da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña leva varios meses traballando en colaboración coa área de Desenvolvemento local para poder ofrecer nesta edición da feira unha auténtica exquisitez elaborada con leite das vacas Jersey criadas na Esperanza (que dán a graxa e a proteína necesarias para obter un produto ben cremoso e saboroso), ademais de azucre, nata e un 40% de mazás da variedade Santiaguesa.
Esta froita autóctona está moi extendida por toda a comarca e é moi valorada pola súa cor encarnada escura e polo seu sabor doce e lixeiramente zumento. “É unha mazá de mesa que se atopa en moitas hortas nun estado óptimo a partir de finais ou mediados de xullo, como pasou este ano con tanto sol como tivemos”, explica o edil de Desenvolvemento local, Manolo Varela. “Trátase dunha caste moi saborosa para comer, e sabemos que tamén é moi boa para marmeladas e outras elaboracións para as que ten un grande potencial. Por iso lle propuxemos á xente da Cooperativa Agraria provincial que fixese a proba das súas posibilidades nun xeado”.
A proposta tivo unha boa acollida en Bico de Xeado, onde se puxeron mans á obra para produciren no seu obrador un xeado que só se poderá degustar na XVI Feira Rural e que, segundo parece, ten unha textura e un sabor excepcionais. “Conseguimos manter o equilibrio perfecto entre a textura e a cremosidade do lácteo e a presenza do sabor das mazás, que ten moita presenza”, detalla o director da CAP, José Luis Cabarcos Corral.
Tras dar coa fórmula, a especialidade de Mazá Santiaguesa tivo que superar un esixente panel formado por oito persoas catadoras expertas. A súa valoración foi unánime: “gustoulles a todos, algo que non é moi habitual. Todos aseguraron que o sabor da mazá estaba moi logrado. É un xeado que sabe verdadeiramente a Mazá Santiaguesa”, asegura Cabarcos.
O director da CAP destaca, asemade, que o xeado elaborado coas mazás locais “é un bo exemplo de produto de quilómetro cero”, posto que “está feito co leite de vacas criadas en Santa Mariña que se alimentan con forraxes cultivados na zona, e tamén con mazás dunha horta de San Sadurniño”. O responsable da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña -propietaria da marca Bico de Xeado- incide a este respecto en que o xeado que poderemos probar na Cortiña “tamén pon en valor a nosa biodiversidade, que é outro dos obxectivos da iniciativa”.
Tanto Bico de Xeado como a área de Desenvolvemento local confían en que a experiencia se traduza nun éxito de vendas este sábado. “Seguro que á xente lle vai gustar. Eu puiden probalo e está certamente rico”, comenta Manolo Varela, para quen este ensaio “vén reivindicar as posibilidades dunha variedade de mazá autóctona e, por extensión, o grande potencial que ten a recuperación das plantacións de froiteiras, que levamos apoiando anos desde o Concello, incluso cunha liña de axudas específica”.
Este sábado poderemos degustar o xeado de Mazá Santiaguesa no posto de Bico de Xeado que atoparemos ao empezo do sendeiro central da XVI Feira Rural. E que ninguén rabee, xa que a firma radicada no Cancelo, en Miño, ten 50 litros no refrixerador. Malo será que non cheguen.
Máis produtos para probar
Se algo caracteriza a Feira Rural de San Sadurniño é que nela podemos probar antes de mercalo practicamente todo o produto alimentario que hai á venda. E a esta posibilidade tamén haberá que engadirlle a oferta daqueles postos que teñen como cometido facernos petiscar.
Así, durante a mañá e a tarde poderemos degustar e valorar na carpa principal pezas de froita autóctona cultivadas na horta de conservación Carlos Fornos, co obxectivo de seguir caracterizando as súas posibilidades para consumo en fresco ou en produtos elaborados.
O Centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla, integrado na Rede de espazos Coworking-PEL da Deputación da Coruña, tamén contará con posto de seu onde saborear as especialidades que xa se están elaborando no obrador situado en San Ramón de Moeche, ademais de ampliar información sobre o seu funcionamento e saber dos cursos que se ofrecen ao longo do ano para podermos utilizar as súas instalacións.
Por último, o cociñeiro Xosé Troncoso ofrecerá dous obradoiros de cociña para a rapazada -un ás 12:45h e outro ás 17:30h- e na feira tamén se instalará un furgón-cociña da campaña da Xunta Galicia Sabe Amar, con degustacións de balde de produtos da nosa pesca e marisqueo entre as 17:00 e as 20:00h.