Saturday 20 de September de 2025

O Concello pon en marcha novos obradoiros de Alfabetización Dixital para maiores de 65 anos


O vindeiro luns 1 de setembro abrirase o prazo de inscrición para o novo programa formativo impulsado polo Concello dirixido a persoas maiores de 65 anos. Trátase de tres Obradoiros de Alfabetización Dixital que se celebrarán entre setembro e decembro de 2025, cunha clara finalidade: facilitar o acceso da veciñanza maior ás tecnoloxías da información e contribuír así a reducir a fenda dixital.

O prazo de inscrición estará aberto desde o próximo luns 1 de setembro ata o xoves 4 do mes de setembro. As persoas interesadas poden inscribirse chamando ao teléfono de atención veciñal 981 610 000, en horario de 16 a 18 h, para formalizar a súa praza. A actividade terá un custo simbólico de 10 euros por persoa.

Os obradoiros celebraranse en diferentes espazos municipais, adaptándose ás necesidades de cada nivel de coñecemento. O nivel avanzado impartirase en dúas quendas: a primeira desenvolverase na Casa Echeverry de Perillo, do 9 de setembro ao 2 de outubro, en horario de mañá de 10 a 12 h; e a segunda terá lugar na Casa do Pobo de Montrove, do 4 ao 27 de novembro, no mesmo horario.

Por outra banda, o nivel medio celebrarase no Local Social da Lagoa de Mera, do 6 ao 30 de outubro, en horario de 10:30 a 11:30 h, os luns, martes e xoves.