Saturday 20 de September de 2025

A Pobra lanza a súa Oferta de Emprego Público coa suma de 14 novas prazas


· O alcalde, José Carlos Vidal, explica que se buscará reforzar algúns dos departamentos “clave no Concello co fin de alixeirar a carga de traballo e ofrecer unha mellor atención á cidadanía”.

Tras a súa aprobación en xunta de goberno local, o Boletín Oficial da Provincia de hoxe recolle a Oferta de Emprego Público (OPE) do 2025, na que se suman 14 prazas. Da cifra total inclúense nove postos de persoal funcionario e outros cinco de persoal laboral fixo. O alcalde, José Carlos Vidal, incide en que a OPE buscará reforzar algúns dos departamentos “clave no Concello co fin de alixeirar a carga de traballo e ofrecer un mellor servizo e atención á cidadanía”.

A proposta recolle as seguintes vacantes: unha praza de técnico superior de Administración financeira (A1) que se cubrirá por concurso; unha de técnico de Urbanismo (A2); dúas de administrativo; unha de auxiliar administrativo (C2), unha de oficial de Policía Local (C1), dúas de Policía Local (C1) e unha de operario para reforzar a brigada municipal de mantemento. A provisión en todos os casos será a través de oposición libre.

A OPE suma, ademais, outras cinco posicións de persoal laboral: catro de auxiliar do servizo de axuda no fogar e unha de conserxe que se proverán polo sistema de concurso-oposición.