Saturday 20 de September de 2025

A Xunta comproba as melloras realizadas este verán nas Escolas Infantís de Cambre da Rede Pública Autonómica


Destináronse 25.000 euros a diferentes actuacións para renovar os servizos de cara ao inicio do novo curso escolar o vindeiro día 5 de setembro

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe as escolas infantís públicas autonómicas da Barcala e do Temple, acompañado da alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro. O obxectivo foi supervisar os traballos levados a cabo este verán nestes dous centros para poñelos ao día de cara ao regreso ás aulas de profesorado e alumnado, que terá lugar o vindeiro día 5 de setembro.
O ente autonómico destinou 25.000 euros nas últimas actuacións realizadas nestas escolas. Na situada na Barcala acometéronse melloras nas instalacións de fontanaría, electricidade e iluminación, así como na carpintaría interior. Así mesmo, renovouse o valado exterior e as obras continuarán en setembro no patio de xogos, que se dotará dun novo pavimento de caucho. Pola súa banda, na escola infantil do Temple instalouse un valado novo na zona de horta.
Perfecto Rodríguez explicou que estas intervencións forman parte do programa de melloras que se desenvolven nos equipamentos que integran a rede pública do Consorcio, tanto escolas infantís como centros de día, e que se realizan en colaboración coas administracións locais