Saturday 20 de September de 2025

O Concello inicia as obras de creación dunha senda peonil desde o Polígono á glorieta da N6


· Este proxecto foi un dos gañadores dos orzamentos participativos impulsados polo goberno local.
· Conta cun orzamento total de 276.488 euros.

O Concello de Bergondo iniciou as obras de acondicionamento e creación dunha senda peonil desde a entrada do Polígono, en Santa Marta, ata a nova glorieta da N6. Este proxecto nace a partir dunha proposta presentada pola Asociación de Empresarios de Bergondo que resultou gañadora do proceso de orzamentos participativos de 2024 impulsado polo goberno local.

A actuación conta cun orzamento total de 276.488 euros e está financiada integramente con fondos municipais. Os traballos permitirán executar unha senda dunha lonxitude de 600 metros e 2 metros de ancho na que se alternan pavimentos de chan cemento e zonas de formigón drenante para facilitar a asimilación das augas de escorrentía nas zonas máis deprimidas.

Ademais, deixarase un sobre ancho de 50 centímetros a cada lado cun sementado de céspede para axudar a regular a filtración de auga ao terreo. Tamén se habilitará unha gabia na que se instalarán as canalizacións necesarias para aumentar a rede de iluminación existente.