
A alcaldesa de Lousame e a delegada da Xunta clausuraron onte o obradoiro de emprego, organizado polos concellos de Noia e Lousame, no que se formaron a 20 persoas en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes.
Tamén participaron no peche deste obradoiro de emprego dual Noia-Lousame 2024, centrado na especialidade de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, a concelleira de Educación de Lousame, Ana García, e o ex-alcalde de Noia, Santiago Freire.
Belén do Campo destacou que este taller de emprego péchase despois de 9 meses, grazas a un investimento da Xunta de máis de 422.000 euros, no que as alumnas e alumnos realizaron máis de 15 tarefas de conservación e mellora de montes nestes 2 concellos.
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, resaltou a importancia deste tipo de programas formativos que facilitan a empregabilidade do alumnado participante. Ademais incidiu da idoneidade na elección das especialidades, así como o apoio municipal nesta actividade que foi todo un éxito.
Neste obradoiro realizáronse intervencións de desbroce, poda, eliminación de especies invasoras e retirada de árbores en Lousame, concretamente nas Minas de San Finx, no Bosque do Neno-A Silva, no Monte de San Lorenzo, e nas parcelas da Casa do Concello, do Centro de Día municipal, do Local Social de Vilacoba e do Centro de Saúde, entre outras. En total 7 actuacións neste municipio.
Ademais, tamén levaron a cabo tarefas de desbroce, poda e eliminación de especies invasoras en espazos de Noia como a Praza de San Lázaro, a Praza de Bergondo, no entorno do Local Social da Barquiña ou no Paseo Marítimo e na rúa Antón Avilés, entre outros espazos. En total os alumnos realizaron 8 actuacións neste concello.