
A programación inclúe actividades para cinco tramos de idade e máis de vinte disciplinas deportivas: de natación a escalada, pasando por atletismo, ioga, judo, pilates e patinaxe artística
O vindeiro luns 1 de setembro abrirase o prazo de solicitudes para optar ás 1.055 prazas dispoñibles de cara á nova tempada das Escolas Deportivas Municipais, un programa impulsado polo Concello e que conta cunha ampla oferta de actividades deportivas para todas as idades.
Como xa é habitual, a programación das EDM está definida para cinco grupos de idade (6-8 anos, 9-11 anos, 12-17 anos, 18-64 anos e máis de 65 anos), unha filosofía que, como explicou o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, “permítenos fomentar os hábitos de vida saudables e a práctica deportiva a escala interxeracional e contribúe tamén a visibilizar a importancia da socialización e de valores como o traballo en equipo”.
As EDM contan, ano tras ano, cunha oferta total de máis 4.600 prazas, con persoas que manteñen a súa participación en cada exercicio. Neste sentido, e tras completarse o prazo de renovación previo, a oferta de prazas libres de cara ao curso 2025-26 é de máis dun milleiro, e inclúe actividades como natación, patinaxe artística, waterpolo, ximnasia, aikido, atletismo, bádminton, judo, esgrima, boxeo, tenis, escalada, bujutsu, pádel, marcha nórdica, ioga, pilates, zumba e tonificación.
“Hai moitas posibilidades en todos os tramos de idade, con disciplinas deportivas que tamén son visibles en eventos anuais como o Día do Deporte na Rúa. Está constatado que a participación en citas como esta supón, en moitos casos, un primeiro paso que abre camiño á inscrición posterior en programas como as Escolas Deportivas Municipais. E iso é un motivo de orgullo”, agregou Vázquez.
Como xa é habitual, as actividades terán lugar en instalacións municipais como as cidades deportivas da Torre ou Riazor, pavillóns polideportivos municipais como os da Sagrada Familia, Novo Mesoiro, Barrio das Flores, Os Rosales e San Francisco Xabier, a Casa da Auga e tamén en complexos deportivos como o de San Diego ou o do Club do Mar de Santo Amaro.
O prazo de solicitudes, aberto ata o luns 8 de setembro
As persoas interesadas en solicitar praza nas diversas actividades das Escolas Deportivas Municipais poderán facelo entre os días 1 e 8 de setembro, a través do formulario habilitado na sede electrónica do Concello, onde tamén se poderá consultar toda a información e o calendario de datas clave para visualizar as listaxes provisionais, definitivas e a apertura do proceso de matrícula.
Máis información na páxina web de Deportes.