
O proxecto presentado pola Coruña á última convocatoria de axudas da Fundación Biodiversidade foi o mellor valorado do país, con máis de 80 candidaturas e por diante de cidades como Barcelona
O Concello vén de obter máis de dous millóns de euros en fondos europeos por parte da Fundación Biodiversidade, unha dotación económica coa que o Goberno de Inés Rey poderá dar un pulo ao seu plan para reverdecer diversos barrios da cidade e, desta forma, avanzar na creación ou ampliación de áreas verdes. Meses atrás, o Concello presentouse á convocatoria de axudas destinadas ao fomento de actuacións dirixidas ao desenvolvemento e consolidación da infraestrutura verde, para a renaturalización e resiliencia das cidades españolas. Esta semana recibiuse a confirmación definitiva de que A Coruña contará con financiación e, ademais, sendo a urbe mellor valorada no proceso de puntuación que determinou ás entidades beneficiarias das subvencións en toda España.
Neste sentido, a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, apuntou que “á convocatoria concurriron máis de 80 candidaturas para obter financiación”, das que só 12 foron aceptadas finalmente como beneficiarias. Entre elas, A Coruña, a primeira posicionada nun proceso de avaliación no que tamén estiveron cidades como Barcelona, Salamanca, Vigo e Castellón, entre outras.
“Isto permitiranos poñer en marcha diversas iniciativas para reverdecer barrios da Coruña que, pola súa configuración urbana, necesitan espazos públicos máis osixenados e medioambientalmente máis sostibles”, explicou Díaz.
A previsión é que as actuacións previstas se executen entre os anos 2026 e 2028, “sendo consensuadas previamente coa veciñanza de cada distrito antes de que se executen, co obxectivo de adecuar as intervencións á realidade e necesidades dos barrios nos que se intervirá”, agregou a concelleira.
Díaz lembrou que ‘Coruña Verdea’, o proxecto que o Concello presentou a esta convocatoria da Fundación Biodiversidade, tivo na participación cidadá un dos seus eixos fundamentais para configurar as propostas que se presentaron para obter fondos FEDER. A este respecto, o proxecto recibiu cartas de apoio de diversas AAVV e entidades veciñais da cidade, que sustentaron a necesidade destas medidas para revitalizar e naturalizar barrios da Coruña que precisan de máis espazos verdes.