Thursday 18 de September de 2025

A Pobra volverá celebrar o seu Xantar de Confraternidade coa previsión de reunir a 750 maiores do concello e da comarca


· A cita terá lugar o venres, 17 de outubro, no polideportivo municipal da rúa Venecia.

Un punto de reunión e encontro para os veciños e veciñas de máis de 60 anos. Así foi como a concelleira de Servizos Municipais, Estefanía Ramos, definiu o Xantar de Confraternidade: “trátase dunha cita xa consolidada e imperdible para os máis maiores”, explicou. Tanto é así, que o Concello prevé chegar ás cifras de asistencia de edicións anteriores, reunindo a unhas 750 persoas de todas as parroquias e mesmo doutros puntos da comarca. O evento celebrarase o venres, 17 de outubro, ás 14.00 horas no polideportivo municipal da rúa Venecia.

Durante a súa intervención, a concelleira incidiu na importancia deste tipo de encontros, cos que “se fomenta a vida social dos nosos maiores, que aproveitan esta Xuntanza para reencontrarse con veciños de todo o concello e mesmo con outros de fóra aos que é posible que non vexan de xeito habitual”.

Nesta ocasión, o menú constará de dous mariscos, peixe, carne e unha sobremesa. Así mesmo, haberá café e bebidas variadas para os e as comensais. O Xantar de Confraternidade ofrecerá boa comida, pero tamén boa música para amenizar a xornada. O grupo Trécola será o encargado de pór o toque musical no momento da recepción e, xa pola tarde, o baile correrá a cargo de Mar Davila Music.

Inscricións

Con respecto a outras edicións, o Concello incorporou unha novidade en canto ás inscricións, dándolles prioridade aos pobrenses. Deste xeito, habilitaranse dous períodos para anotarse. O primeiro, para as persoas empadroadas na Pobra, estará dispoñible desde o martes, 23 de setembro, ao venres, 3 de outubro (ambos incluídos). O segundo, para os de fóra, estará aberto do luns, 6 de outubro, e o venres, día 10 (ambos incluídos). As entradas poderán adquirirse nas oficinas municipais (de 9.30 a 14.00 horas). O prezo será de 18 euros por persoa e o pago realizarase, preferentemente, con tarxeta bancaria.

Deja un comentario