Friday 22 de November de 2024

O presidente da Xunta trasládalle ao alcalde de Santiago a aposta do goberno galego por un traballo coordinado entre as administracións para facer realidade a estación intermodal


Destaca que a Administración autonómica disporá este mesmo ano do proxecto da nova estación de autobuses

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladoulle ao alcalde de Santiago que a aposta do Goberno galego pola estación intermodal pasa por un traballo coordinado entre as administracións que permita facer realidade o antes posible esta infraestrutura na capital de Galicia. Este foi un dos asuntos principais abordados na reunión que esta mañá mantiveron o presidente autonómico e o rexedor compostelán.

No encontro, Feijóo puxo de manifesto o labor que está a desenvolver a Xunta para dotar Santiago de Compostela dunha auténtica estación intermodal na que sexa posible conectar o transporte colectivo por estrada co ferroviario, unindo ademais os barrios da cidade situados a ambos os lados das vías férreas entre si e coas terminais de autobuses e ferroviarias.

O presidente da Xunta lembrou que a Administración autonómica está a avanzar con determinación nas actuacións da súa competencia, encamiñadas á integración da estación de autobuses na parcela da terminal ferroviaria. E, nese sentido, informou ao alcalde de Santiago da recente adxudicación do proxecto construtivo da nova terminal de autobuses.

Feijóo comprometeu que o proxecto da nova estación da estación de autobuses estará rematado e poderá presentarse neste mesmo ano. Por ese motivo, o titular do Executivo autonómico reclamou a implicación do Concello de Santiago no proxecto e solicitou ao rexedor compostelán que no vindeiro mes de maio o Concello comece a desenvolver os traballos da súa responsabilidade, tales como a adecuación do planeamento urbanístico a través da tramitación dun plan especial ou a expropiación dos terreos para posibilitar a execución das obras.

Coordinación aeroportuaria
Na reunión desta mañá, o presidente galego manifestoulle tamén ao alcalde de Santiago que o Goberno galego reiterou a aposta pola coordinación aeroportuaria na Comunidade Autónoma, defendendo Galicia como un único destino aeroportuario.

A este respecto, Feijóo solicitoulle a Noriega que o Concello de Santiago contribúa a ese obxectivo e que as decisións se tomen no Comité de coordinación aeroportuaria, para a promoción de rutas aéreas, tanto desde o aeroporto da Lavacolla como desde o resto dos aeroportos galegos.

Finalmente, Alberto Núñez Feijóo manifestou o compromiso do Goberno galego de impulsar a Variante de Aradas, unha infraestrutura que faciltiará o acceso desde a estrada de Carballo ao Polígono do Tambre, aliviando o barrio de Vite de gran parte do tráfico pesado que rexistra na actualidade. Nese sentido, o presidente avanzou que neste mesmo semestre se iniciarán as expropiacións necesarias para acometer esta nova estrada.

O presidente galego manifestou a súa vontade de manter unha relación de coordialidade co Concello de Santiago para traballar desde a máxima lealdade institucional polo benestar dos veciños de Compostela e a prol dos intereses da cidade como capital de Galicia.