
Ares García asume a Alcaldía “con vocación de servizo público, porque así se debe exercer a política local, servindo aos teus veciños e veciñas, escoitándoos e abríndolles sempre as portas deste Concello”
Insta aos seus compañeiros de Goberno a “que as lousas que dan nome ao noso municipio nos sirvan de símbolo: firmes e sólidas, como debe ser o noso compromiso cos veciños”
Agradece á alcaldesa saínte, Teresa Villaverde, “a súa dedicación e entrega durante tantos anos. O seu traballo marcounos o camiño e déixanos un listón moi alto”
“Que as lousas que dan nome ao noso municipio nos sirvan de símbolo: firmes e sólidas como debe ser o noso compromiso cos veciños. Comeza unha nova etapa para Lousame. Fagámola xuntos, con ilusión, con traballo e coa confianza no futuro deste concello”. Con estas palabras remataba Esteban Ares García o seu discurso de toma de posesión como novo alcalde do Concello de Lousame, nun salón de plenos ateigado de veciños e veciñas e diante da súa familia máis directa, así como representantes do Partido Popular da Coruña como Diego Calvo e Evaristo Ben.
Tras xurar o seu cargo como alcalde e recibir o simbólico bastón de mando de mans da alcaldesa saínte, Teresa Villaverde, quen renunciara este martes ao cargo por motivos persoais, Esteban Ares asumiu esta nova responsabilidade “con gratitude, humildade e vocación de servizo público. Porque así se debe exercer a política local, servindo aos teus veciños e veciñas, escoitándoos e abríndolles sempre as portas deste Concello”.
Así, comprometeu que o equipo de Goberno traballará “para que Lousame siga a ser un referente na comarca en áreas como cultura, deporte, conciliación, voluntariado e servizos sociais. Traballaremos para que Lousame sexa un lugar mellor para vivir e para que cada veciña e cada veciño sinta orgullo de pertencer a este concello. Sen compararnos con ninguén, debemos estar orgullosos de ser de Lousame e defender esta terra”.
Continuidade e renovación
O novo alcalde apuntou que “hoxe Lousame abre unha etapa de continuidade, mais tamén de renovación. Continuidade porque mantemos o mesmo amor pola nosa terra, as mesmas gañas de servir e porque recoñecemos e coidamos o legado que recibimos. Renovación porque cada etapa trae a súa propia enerxía, a súa maneira de traballar e a súa propia mirada ao futuro”. Por iso, indicou que o seu equipo de Goberno comprométese a “respectar o camiño andado e, ao mesmo tempo, construír xuntos o que aínda está por vir”.
Así mesmo, tendeu a man á oposición par que “dentro das diferencias ideolóxicas, traballemos de maneira construtiva polo futuro deste concello. Sempre e cando as propostas sexan polo ben común dos veciños e deixemos as siglas partidistas a un lado, aquí terán vostedes unha persoa e un equipo co que dialogar”.
Agradecementos a Teresa Villaverde
Tras iniciar o seu discurso cun agradecemento persoal á súa muller e aos seus pais, presentes no salón de plenos, Esteban Ares agradeceu a confianza depositada polo PP, representado hoxe por Diego Calvo e Evaristo Ben, presidente e secretario xeral provinciais do Partido Popular. “A vosa presenza hoxe aquí é un respaldo que asumo con enorme responsabilidade. Sei que o Partido Popular sempre apostou por Lousame e me encargarei, xunto co meu equipo, de que Lousame non vos falle”, comprometeu.
Tamén tivo palabras para Teresa Villaverde, a quen agradeceu “a súa dedicación e entrega durante tantos anos. Un día recibíchesme cos brazos abertos e me afiliaches a este partido, a esta familia. Hoxe entrégasme o bastón de mando deste Concello. O teu traballo marcounos o camiño e deixounos un listón moi alto. O noso compromiso é claro: coidar e continuar ese traballo e, ao tempo, achegar a ilusión e a enerxía que require esta nova etapa, porque o obxectivo debe ser sempre mellorar aínda máis ese legado que recibimos”.
Ares García rematou a quenda de agradecementos cos seus compañeiros e compañeiras concelleiras: “grazas polo voso apoio, pola confianza e por animarme a dar este paso. Fagamos un equipo forte, que demostre que podemos superar o listón que nos deixaron, porque estou convencido de que somos capaces de conseguilo”.
A sesión plenaria extraordinaria celebrada este mediodía estivo presidida pola segunda tenente de alcaldesa, Silvia Agrafojo, toda vez que o alcalde en funcións era candidato á alcaldía. Os voceiros do PSdeG, Juan José Prego, e do BNG, Anxo Moledo, presentaron tamén as súas candidaturas polo que tras a votación, a lista quedou como segue: Anxo Moledo 1 voto, Juan José Prego 4 votos e Esteban Ares 6 votos, polo que procedeu a xurar o seu cargo sobre a Constitución e a recibir o bastón de mando de mans da alcaldesa saínte, Teresa Villaverde, quen unha vez rematada a sesión presentou a súa renuncia tamén á acta de concelleira. Un escrito do que tomará coñecemento o Pleno na súa sesión ordinaria do vindeiro 26 de setembro.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.