Thursday 18 de September de 2025

A Xunta de Galicia e o concello de Arteixo asinan un convenio para impulsar a I+D+I no ámbito local


— O conselleiro de Ciencia amosa o seu apoio ao municipio no asesoramento para presentar á Compra Pública de Innovación o proxecto ArteixIA

— Esta colaboración impulsará o potencial da entidade local no ámbito da innovación, avanzando así nos novos obxectivos dos Plans locais de I+D+i

A Xunta de Galicia e o Concello de Arteixo firmaron hoxe un convenio de colaboración en materia de I+D+i no que o Goberno galego compromete o seu asesoramento e apoio á entidade local para presentar con éxito o seu proxecto ArteixIA a próxima convocatoria da Compra Pública de Innovación. Así o sinalou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, quen afirmou que a “investigación e innovación desde o local son un elemento fundamental e diferenciador para impulsar a I+D+i galega”.
Acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, o representante da Xunta sinalou que este convenio é “mostra da colaboración entre administracións para reforzar o potencial, neste caso, da investigación e a innovación no noso territorio”. O convenio, que terá vixencia ata 2028, centrará as súas accións no proxecto ArteixIA, que desprega un modelo turístico e de mobilidade sustentable aliñado coas necesidades de residentes, visitantes e turistas.
Isto repercutirá positivamente na participación do Concello de Arteixo nos novos Plans locais de I+D+i enmarcados no Plan galego de investigación e innovación 2025-27. Esta iniciativa ten como obxectivo que os entes locais poidan identificar desafíos pegados aos territorios e aos servizos que prestan e articular así solucións adaptadas a elas. “Desenvolveremos este plan coas achegas que os diferentes concellos fagan”, indicou o conselleiro, quen incidiu en que se elaborarán unha serie de medidas “para facer un plan sólido e efectivo no que levemos a innovación a todo o territorio galego”.
Deste xeito, o Goberno autonómico asesorará ao municipio para que o seu proxecto ArteixIA acade financiamento da Compra Pública de Innovación. Esta colaboración favorecerá o aliñamento estratéxico do proxecto para que sexa coherente co futuro Plan local de I+D+i en Arteixo en materia de turismo e mobilidade sostible. Así mesmo, contribuirase a difundir de maneira activa o proxecto e os seus obxectivos e na identificación de posibles sinerxías con fondos de xestión autonómica.
Neste sentido, a Consellería de Ciencia tamén asesorará ao Concello no eido da Compra Pública de Innovación amosando exemplos de boas prácticas debido ao éxito de Galicia na última convocatoria, na que captou case a metade dos proxectos e 45,6M€, o que supoñen unha mobilización de máis de 76M€. Destacan proxectos centrados no ámbito da saúde, da educación, da enerxía, da minería e recursos naturais e da mobilidade avanzada. Galicia leva captado no eido da Compra Pública de Innovación un total de 400M€.
Unidade Mixta de Investigación VOLTA
Tamén hoxe, a directora da Axencia Galega de Innovación participou en Arteixo no acto de presentación de resultados da Unidade Mixta de Investigación VOLTA entre o centro tecnolóxico CETIM e a empresa Ferroglobe Innovation, coa colaboración da Universidade da Coruña e o Clúster de Enerxías Renovables de Galicia. Esta alianza estratéxica, que investiu máis de 2 millóns de euros nos últimos catro anos cun apoio da Xunta de máis de 800.000 euros, ten permitido avanzar no desenvolvemento de baterías de ión litio máis eficientes e sustentables para o sector da electromobilidade.

Carmen Cotelo lembrou que segue aberta ata o 6 de outubro convocatoria de 2025 desta liña de axudas, Unidades Mixtas de Investigación, dotada con 12 millóns de euros nesta oitava edición. Este instrumento inscríbese no programa Activa I+G+i de apoio á colaboración entre empresas e á transferencia efectiva de resultados, ao que a Xunta destina case 53 M€ a través de catro grandes convocatorias.

Deja un comentario