Thursday 18 de September de 2025

A Coruña acolle mañá unha nova edición da Friday Mobility Night, cun percorrido que sairá ás 21.45 horas da praza de Pontevedra


O Concello colabora coa asociación Galicia Rollers na organización desta cita, que na súa última convocatoria reuniu a máis de 200 persoas que percorreron as rúas en patíns, bicicletas e patinetes

Mañá, último día para participar nas xornadas de portas abertas nas instalacións do Centro Integral de Mobilidade, na estación de buses

A Semana da Mobilidade Europea chega mañá ao ecuador da súa programación, cunha xornada de venres na que unha das propostas máis destacadas será a nova edición da Friday Mobility Night que organiza a asociación Galicia Rollers coa colaboración do Concello.

A partir das 21.45 horas, e coa praza de Pontevedra como punto de partida, iniciarase un percorrido polas rúas da Coruña, aberto á cidadanía, no que poderá participar calquera persoa que circule con patíns ou, en termos xerais, sobre vehículos non contaminantes como bicicletas, patinetes e táboas de skate.

Ademais, esta edición, bautizada como a Ruta das Luces, celebrarase baixo un formato moi especial: o único requisito é que as persoas participantes leven consigo algún dispositivo que xenere luz, como lanternas ou barras led.

Tal e como lembrou hoxe a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, “a Friday Mobility Night non é unha carreira, senón un percorrido concibido para visibilizar modalidades de transporte alternativo que tamén contribúe a concienciar sobre a importancia de gañar máis seguridade viaria, así como de reducir a contaminación ambiental e acústica”.

Máis de 200 persoas tomaron parte na pasada edición da Friday Mobility Night, que mañá ten fixada a hora de quedada de 21.00 a 21.30 horas para arrincar ás 21.45 desde a praza de Pontevedra, centro neurálxico da SEM 2025. A duración do percorrido é de unha hora e 45 minutos.

Mañá, último día de portas abertas no CiMob da estación de buses

A programación da Semana Europea da Mobilidade na Coruña, centralizada na súa meirande parte na praza de Pontevedra, conta tamén con actividades específicas na estacións de autobuses.

É o caso das xornadas de portas abertas que se están levando a cabo nas instalacións do Centro Integral de Mobilidade (CiMob), un espazo municipal no que as e os profesionais da Policía Local, en colaboración co equipo da área de Mobilidade, supervisa o tráfico da cidade a través de cámaras, o que posibilita, nalgúns casos, o regulamento semafórico en picos de hora punta ou os cortes de tráfico no contexto de grandes eventos. Os sistemas tecnolóxicos do CiMob facilitan e axiliza, ademais, a toma de decisións neste sentido.
Como xa foi habitual nestes últimos días, o CiMob da estación de autobuses estará aberto ás visitas da cidadanía entre as 17.00 e 19.00 horas, sendo mañá o último día para facelo no contexto da SEM2025.

Deja un comentario