
Como novidades instalarase un boulder de escalada, unha nova zona de calistenia, outra de crossfit, un parque para persoas maiores e un espazo para xogos acuáticos
A Xunta de Galicia, a través da Fundación Deporte Galego, vén de adxudicar o contrato de xestión integral do complexo acuático e clínica deportiva de Acea da Ama (Culleredo) polos próximos 20 anos á empresa Dos Deporte Ocio Salud Ibérica SL, cun valor estimado de preto de 50 millóns de euros (49.718.711 euros). A tenor do contrato, a empresa adxudicataria realizará unha serie de intervencións dirixidas a unha mellora das infraestruturas e a unha maior accesibilidade.
No que atinxe ás instalacións deportivas, intervirase nas pistas de pádel, cambiando o pavimento, substituíndo as paredes de fábrica por outras de cristal, mellorando a iluminación e executando a cimentación necesaria para a futura cubrición. Nas pistas de tenis tamén se prevé o cambio de pavimento, a mellora da iluminación e a execución da cimentación para a cubrición. No que atinxe á pista de running, renovarase o pavimento, estendendo o trazado e mellorando a iluminación. Tamén se ampliará a superficie interior da zona fitness, ofrecendo un espazo máis cómodo e funcional, equipado con maquinaria de última xeración e zonas de adestramento diversificadas para cardio, forza ou adestramento funcional. Reformaranse os vestiarios, renovando mobiliario e pavimentos. Do mesmo xeito, reordenarase a zona de máquinas e instalacións deportivas no soto, ampliando as salas de actividades, deseñadas para ser polivalentes, permitindo desenvolver clases grupais, formación e eventos comunitarios.
Como novidades, construirase un boulder de escalada de 4,5 metros de altura, totalmente equipado e preparado; instalarase unha nova zona de calistenia totalmente equipada; executarase unha nova zona de crossfit con amplo equipamento e pavimento específico; crearase un parque para persoas maiores nas zonas verdes; e acondicionarase unha zona con pendentes na praia dos vasos exteriores, con pavimento adaptado onde se instalarán elementos para xogos acuáticos.
Dende un punto de vista máis global, reintegrarase a fachada principal e crearanse espazos agradables integrados na paisaxe e coas zonas verdes; dotarase dun espazo deportivo exterior multifuncional, con zonas de descanso e áreas deportivas ao aire libre como tai chi ou ioga; realizaranse percorridos interactivos e educativos nas áreas verdes, con sinalización que explique as novas especies autóctonas plantadas, o seu impacto ambiental e consellos sobre sostibilidade. Ademais melloraranse os accesos e percorridos, adaptando toda a infraestrutura á persoas con discapacidade, tanto no exterior como no interior.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.