Friday 22 de November de 2024

A Xunta ultima unha nova materia de libre configuración para a promoción da igualdade de xénero desde as aulas


O vicepresidente Alfonso Rueda confirma no Parlamento que o Goberno tamén está estudando a implantación dun ciclo formativo de FP con este obxectivo

A Xunta porá en marcha unha nova materia de libre configuración para a promoción da igualdade de xénero. Segundo confirmou hoxe no Parlamento Alfonso Rueda, o Goberno galego tamén está a estudar a implantación dun ciclo formativo de FP superior que afonde neste obxectivo.

Durante a súa intervención, o vicepresidente da Xunta subliñou que o respecto á diversidade sexual e de identidades de xénero dende a escola resulta fundamental. Por iso a Lei 2/2014 pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais fai unha énfase especial no ámbito educativo.

Dende o curso 2014-2015 en Galicia están adaptados os currículos do ámbito nacional e autonómico para que o alumnado galego reciba unha adecuada formación en valores. Trátase dos currículos de primaria, FB básica, ESO e bacharelato. Neles explicítase a necesidade de evitar os comportamentos sexistas e os estereotipos que supoñan discriminación por razón da identidade sexual ou de xénero, así como de favorecer a visibilidade da realidade LGTBI.

Rueda lembrou que a finais do pasado mes de febreiro a Xunta puxo en marcha a campaña “Eu respecto”. Unha campaña de concienciación e sensibilización arredor da igualdade, da diversidade sexual e da identidade de xénero, dirixida a toda a sociedade e, de xeito particular, á xente nova. No seu marco repartíronse máis de 5.000 carteis para a concienciación a máis de 1.000 centros educativos, aos CIM e ás asociacións.

Esta campaña vén respaldada por accións a través do proxecto europeo “Mocidade contra a violencia de xénero”, no que a Xunta participa dende 2013 e que no 2015 focalizouse na loita contra a discriminación das persoas LGTBI. No seu desenvolvemento formouse en outubro do ano pasado a nove voluntarios e voluntarias que desenvolveron obradoiros de sensibilización en 12 centros educativos galegos.

Agora, a Secretaría Xeral de Igualdade está a promover unha xuntanza no mes de abril entre os voluntarios e as Asociacións LGTBI que participaron no proxecto para intercambio de información e impresións. Neste punto, o vicepresidente anunciou que no marco desa xuntanza informarase ás asociacións da convocatoria antes de rematar este ano dunha orde de axudas e subvencións de libre concorrencia á que se poderán presentar asociacións do colectivo LGTBI. Apoiarase así a organizacións e entidades que desenvolven actividades de promoción e defensa dos dereitos e intereses de gays, lesbianas, transexuais, bisexuais e intersexuais.

Alfonso Rueda tamén lembrou o traballo que se realiza través dos centros Quérote+ nestas temáticas e destacou que o traballo desta rede complementarase neste ano 2016 a través da rede de Centros de Información á Muller.Así, no proxecto de decreto dos CIM, inclúese que entre as funcións que poden desenvolver estes centros están as actividades de información e atención ao colectivo LGTBI.

Outras accións
Durante a súa intervención no Parlamento, Alfonso Rueda tamén informou de que nos vindeiros meses estará elaborado un protocolo para dar resposta axeitada á identidade de xénero no marco da Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020. Un protocolo que conta coa colaboración da asociación Arelas.

Ademais, os vindeiros 22 e 23 de abril celebrarase o XVII Foro galego de Educación en Igualdade, no que participarán 150 docentes e que este ano versará sobre a diversidade sexual e convivencia.