Thursday 18 de September de 2025

A Xunta contribúe á programación escénica da cidade da Coruña con 17 actuacións no mardo da Rede Galega de Teatros e Auditorios


— O circuíto de exhibición, cofinanciado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e as 43 entidades locais asociadas, achega 12 representacións ao Fórum Metropolitano e cinco ao Teatro Rosalía Castro

— O Teatro Rosalía Castro acolle mañá ‘Roland mon amour’, coprodución do Centro Dramático Galego con Cris Balboa

— Na área metropolitana coruñesa, a carteleira nestes últimos meses de ano ofrece dúas funcións en Arteixo, catro en Betanzos e tres en Oleiros

A Xunta de Galicia contribúe á oferta escénica da cidade da Coruña entre os meses de setembro e decembro coa programación de 17 actuacións escénicas a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto de exhibición de espectáculos cofinanciado entre a Xunta e 43 entidades locais asociadas, da que forman parte o Teatro Rosalía Castro e o Fórum Metropolitano.

A programación no Rosalía arranca mañá venres con Roland mon amour, un espectáculo de Funboa Escénica coproducido polo Centro Dramático Galego e o Centro Dramático Nacional. Cris Balboa é a autora, directora e intérprete desta peza de artes vivas, que ela mesma define como “monodrama de desexo e música” e na que mestura o son electrónico, a acción escénica e o movemento para converter o teatro nun acto de conexión íntima e compartida.

A carteleira para ese mesmo escenario complétase os días 26 e 27 de setembro coa comedia Go Home, de Etiqueta Negra Producións e con David Amor e Josito Porto como dúo interpretativo. Ademais, o 28 de novembro chegará a nova montaxe de Contraproducións, Yo sólo quiero irme a Francia, protagonizada por María Galiana, acompañada no escenario por Nieve de Medina, Ledicia Sola e Alicia Armenteros, e o 5 de decembro será a quenda do espectáculo de danza Xavier a través de min, de Félix Fernández.

O outro espazo do circuíto galego na cidade herculina é o Fórum Metropolitano, que acollerá, principalmente, propostas dirixidas ao público familiar a partir de outubro. Así, a cativada poderá somerxerse nas artes escénicas con Gabinete Mirabilia, de Pablo Sánchez, o 3 de outubro; A nena que vivía nunha caixa de mistos, de Caramuxo Teatro, o 14 de novembro; Trogloditas, de Tanxarina, o 21 de novembro; Historia dunha nena namorada do mar, de Osoldeoutono Teatro, o 5 de decembro, e Frida, de A Cova das Letras, o 12 de decembro. O Fórum tamén ten programado para o 28 de novembro O escaparate, da compañía Salidas de Emergencia, unha peza dirixida ao público adolescente que aborda o tema da busca da persoa e a ruptura dos estereotipos sociais. Todos estes espectáculos contarán con dobre función cada día.

Máis música e artes escénicas na área coruñesa
Na área metropolitana da Coruña, Arteixo, Betanzos e Oleiros tamén están adheridos á Rede Galega de Teatros e Auditorios, no marco da que programan nove funcións ata final de ano.

Arteixo ofrecerá o concerto de Os do Fondo da Barra o 18 de outubro na Praza do Balneario e a obra de teatro para público familiar Bichitos, de Spasmo Teatro, o 14 de novembro no Auditorio do Centro Cívico. Pola súa banda, Betanzos programa catro espectáculos a través deste circuíto. Así, na Aula Municipal de Cultura poderán verse Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, o 4 de outubro; As gardiás, de Teatro de Ningures, o 18 de outubro; o monólogo O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, de ButacaZero, o 1 de novembro, e a proposta de clown Solo, de Roi Borrallas, o 15 de novembro.

Finalmente, o Auditorio do Centro Cívico Cultural de Oleiros achegará tres propostas teatrais en novembro: Esas cousas marabillosas, de Empatía Teatro (día 8); TROMSØ, de Morraoconto (día 15), e As gardiás, de Teatro de Ningures (día 22).

560 funcións en Galicia
Durante este 2025, a Rede Galega de Teatros e Auditorios conta cun orzamento de máis de 2M € e programa 560 funcións de artes escénicas e musicais de 198 formacións nos escenarios de 43 concellos das catro provincias galegas.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, dispón para este ano un orzamento de preto de 1 M€ destinado integramente á contratación de formacións artísticas profesionais de teatro, música, danza, circo e maxia, galegas na súa meirande parte, co que se constitúe un mercado determinante para a distribución interior dos espectáculos producidos no país.

Deja un comentario