
• Mercedes Rosón, Gonzalo Muíños, Mila Castro e Marta Álvarez reuníronse este xoves cos sindicatos
• Adiantan que xa recibiron o informe técnico que acredita que o importe a pagar se axusta a prezos de mercado e agardan por un calendario con prazos concretos para a licitación do novo prego
“A negociación está xa moi avanzada e os expedientes próximos a ser aprobados” con estas declaracións, Gonzalo Muíños anunciaba este xoves os avances para o desbloqueo dos recoñecementos extraxudiciais de crédito para o pago das facturas pendentes da liquidación do transporte urbano do 2024. Unhas declaracións que chegaron despois de que Muíños xunto as súas compañeiras Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez se reuniran coa representación sindical do transporte urbano: TRALUSA, AULUSA-Santiago e AULUSA-Teo.
Unha negociación que comezou logo de que, no pleno ordinario do mes de xuño, o goberno local levar ao pleno municipal varios expedientes relacionados con facturas pendentes do 2024. Entres estes, estaban dous recoñecementos extraxudiciais de crédito por gastos derivados da liquidación do ano 2024 por un importe total de case tres millóns de euros. Logo de que o Partido Popular bloqueara a súa aprobación, votando en contra, as concelleiras non adscritas abríronse a mudar a súa “abstención facilitadora” por un voto a favor, pero con dúas condicións: un informe técnico que acreditara que o importe a pagar se axustaba a prezo de mercado e avances significativos para o desbloqueo da nova licitación do transporte urbano.
Sobre a primeira condición, Muíños explica que se trata dun informe “imprescindible” para completar o expediente e que teñen recibido nos últimos días, a pesar de ser solicitado ao goberno local xa no mes de xuño. De feito, a propia intervención municipal advertía no seu informe de que “non queda acreditado no expediente que o importe da indemnización a satisfacer á operadora polo subministro dos vehículos se corresponda co importe liquidado que se propón”. Isto é así toda vez que o goberno local, para o alugueiro provisional de novos autobuses realizado a finais do 2023, non solicitara previamente ofertas a outros proveedores -a diferencia do que ocorreu no alugueiro previo doutros vehículos, realizado polo goberno de Sánchez Bugallo-.
“Era fundamental poder contar co respaldo xurídico deste informe xa que, ademais do que advertía o informe do interventor municipal, o Partido Popular, ademais de votar en contra do expediente, advertiu de que o levaría á Fiscalía porque adoecía dunha tramitación incompleta” afonda Muíños. De feito, o concelleiro non adscrito, defende que se trata de “esixencias lóxicas”, asegurando que así foi entendido tamén por parte da representación do persoal.
Sobre o desbloqueo da nova licitación do contrato urbano, Muíños explica que se trata da segunda esixencia e que “aínda non foi atendida”: “o noso compromiso é contar cuns prazos definidos sobre cando se procederá á licitación antes de que se leve a cabo a votación no pleno” defende. De feito, a preocupación polos prazos neste proceso é compartida tamén polos sindicatos.
“Nós si, podemos desbloquear esas facturas votando a favor, e pensando nas empresas e nas familias que dependen delas, pero coa garantía de que o vindeiro ano o servizo do transporte urbano estea regularizado ou en vías de regularización” conclúe Muíños que agarda a que, nos vindeiros días, o goberno local concrete prazos para a licitación.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.