Thursday 18 de September de 2025

A III edición do Expresa Oleiros Urban Fest deixará a súa pegada artística en Perillo, Os Regos e Santa Cruz


Os tres artistas que este ano se encargan de decorar tres espazos urbanos dentro da convocatoria Expresa Oleiros de 2025 participarán o venres 19 ás 18:00h nunha charla-coloquio sobre o muralismo en Oleiros na Casa da Mocidade das Pedras, en Perillo.

David García, alias Little Pru, é un ilustrados e deseñador con 12 anos de traxectoria artística. Nado no Bierzo, cursou os seus estudos de ilustración na Escola de Arte Superior e Deseño Pablo Picasso. Participou en varias exposicións como o Expresa Oleiros Urban Fest 2024, cun mural de gran formato en colaboración con Magi, gañou o primeiro premio de ilustración Academia C10 (ExpoComic2013) e expuxo a súa obra nas exposicións colelctivas Café de Macondo de 2010, 2011 e 2012.

A proposta de Little Pru para a Avda. Che Guevara é “Ciclo”. Un mural de gran formato protagonizado por un cervo cuxos cornos non son hastas senón pólas dotadas de follas que amosan os diferentes estados da natureza (primavera-outono) e que medran e se expanden ata tocar os límites do muro. “Ciclo” é unha homenaxe á natureza, ao fluír constante da vida e do paso do tempo e os seus ciclos: nada se perde realmente, todo cambia, cae, volve e se transforma.

Pablo Loyola, nacido en Vigo en 1984, é enxeñeiro industrial de formación pero artista de vocación e totalmente autodidacta neste campo. Comezou a pintar murais en 2017 e actualmente podo vivir delo, compaxinándoo ocasionalmente con traballos de ilustrador. Foi gañador da “Batalla mural do Concello de Vigo en 2023, o que lle permitiu participar no programa “Vigo Cidade de Cor” cun mural de gran formato. Na actualidade compaxina a execución de murais de gran formato con outros de menor tamaño, buscando sempre a máxima calidade de acabado.

A proposta de Loyola para o edificio anexo ao CMF Isaac Díaz Pardo nos Regos denomínase “O Espírito do bosque”. Unha reflexión sobre o vaga de incendios que asoballou recentemente Galicia e onde no medio dun bosque atlántico galego, bañado pola cálida luz do serán; o Espíritu do bosque chora polos incendios que devastan a nosa terra mais destas bágoas xorden os ríos que rexeran a paisaxe queimada case dun xeito máxico, baixo a mirada atenta do raposo; guardián dos montes que representa a intelixencia e a astucia. A escena remata nunha típica paisaxe de ría galega, completando así a transición desde o monte ata o mar.

Xoana Almar é unha das muralistas, xunto con Raquel Doallo e Miguel Peralta, que compón a empresa cooperativa dedicada ao muralismo, a pintura e a ilustración denominada “Cestola na Cachola” e realizará o mural sito na rúa Yasser Arafat.
Desde o 2011 dedícase ao mundo do muralismo entendendo a pintura como o exercicio dunha linguaxe propia que debe achegarse aos receptores: a pintura fóra do espazo privado e dos museos, ten un público xeral con quen comunicar e transmitir a emoción da racionalidade que supón a procura de ideas e historias e da forma elixida para contalas. Neste caso Cestola na Cachola propón para a rúa Arafat un mural inspirado no conflito palestino, cuxa base é un poema titulado “No tronco dunha oliveira” do poeta palestino Tawfiq Zayyar, e do que toma o seu nome. Nel fálase da necesidade de deixar constancia de toda a inxustiza vivida, de darlle saída ao sufrimento, deixar gravada a memoria para que non se esqueza. Ademais inspiraranse en imaxes de Isaac Díaz Pardo (“Xentes que conteñen a ira”), nas que rostros e mans captan á perfección a rabia e impotencia fronte á inxustiza pola que nesta caso está a atravesar o pobo palestino.

Este festival artístico conta coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña.

Deja un comentario