
San Sadurniño pechou hai uns intres unha nova edición da Feira Rural, e van dezaseis. Un evento dedicado ao sector primario, a froita e todo o que ten que ver coa agroalimentación e a sostenibilidade que, nesta ocasión, acusou os efectos dun tempo incerto que aguantou ben a primeira metade do día e que se pechou de orballo a media tarde. Malia este contratempo -de agradecer, habendo como hai tanta falta de chuvia- a feira foi un ir e vir constante de xente desexosa de ver, probar e mercar de todo o que había, entre produto da terra fresco e elaborado, artesanía e segunda man. A área de Desenvolvemento local fai unha valoración positiva dunha cita celebrada no arboreto da Cortiña onde, por certo, este domingo terá lugar unha “romaría” cultural e musical organizada pola asociación Concienciarte.
A Feira Rural reproduciu as mesmas constantes de todos os anos, cunha primeira parte da mañá de pouco movemento e unhas horas centrais, xusto antes dos sorteos de mediodía, que adoitan concentrar a maior parte das vendas e da afluencia de público. E despois, pola tarde, na feira sempre se dá un pequeno repunte de visitantes que nesta edición cadrou co momento en que se botou a orballada próxima á chuvia.
O edil de Desenvolvemento local, Manolo Varela, recoñecía a incidencia atmosférica no menor número de asistentes, anque tamén lle restaba importancia: “O tempo condiciona a feira, e o día de chuvia que houbo onte non axudou a que a xente fixese plans para vir hoxe a San Sadurniño”, comenta o edil. “Con todo, eu en xeral estou contento e penso que feira se salvou”, engade Varela comentando, ademais, que as vendas foran menores que noutras edicións. “Os postos notaron menos venda, pero son postos fieis. Que a pesar do tempo, finalmente viñesen máis de 60 dun total de 73 inscritos, penso que é un éxito” asegura.
Ao longo da mañá desenvolveuse a mostra e concurso de froita autóctona organizado coa colaboración da AGFA do Eume. A entidade preparou unha exposición con medio cento de variedades distintas de mazás, peras, pexegos e outras froitas que se conservan na horta Carlos Fornos, situada ao carón da feira. Desta vez presentáronse ao certame unha trintena de lotes. Os tres mellores foron os da variedade de mazá Tres en Cunca presentados por Concepción Dopico Romero, de Naraío; un cesto de ameixa da variedade Arillo presentado por Rosa Romero Carballo, de Naraío; e, por último, un pequeno lote de Mazá Santiaguesa achegado por José Antonio Rodríguez, de San Sadurniño.
Esta mazá, chamada Santiaguesa ou “de Santiago” por tratarse dunha variedade de cedo que madura a finais de xullo, cadrando co santiago, foi tamén ingrediente principal dun dos sabores de xeado que se ofrecían no posto de Bico de Xeado. A media mañá xa había unha longa ringleira de persoas agardando para probalo, habida conta de que a feira foi o único sitio onde se puido degustar.
Outra das propostas que tivo grande éxito foi a idea de convocar a pintoras e pintores para que fixesen ao vivo cadros inspirados na feira ou en Castelao, coincidindo co 75º aniversario do seu pasamento, que en San Sadurniño se conmemora con actos durante todo este ano.
O pintor Carlos García e o artista gráfico Juanlu Nacha enviaron cadanseu deseño. García unha aproximación a como sería o perfil de Instagram do intelectual galeguista e Juanlu Nacha, un dos seus garabatos con liñas entretecidas que compoñen o retrato do rianxeiro.
Pola súa banda, Manolo Carballeira achegouse até a Cortiña para pintar en nada a recreación dunha visita ficticia de Castelao á marquesa de San Sadurniño, María Natividad Quindós.
A acuarelista Blanca Escrigas pintou unha cartolina que reflectía o sendeiro central da feira de hoxe, cos seus postos e produtos.
O grande Xaquín Marín trouxo en persoa unha pequena táboa pintada ao óleo tamén de marcada inspiración feiral e chea de humor, co título “Feira do cabalo de ocasión”.
Tamén veu Leandro Lamas, quen reinterpretou co seu propio estilo de arte-denuncia a obra de Castelao “O neno das piñas”, co neno subido no tronco do piñeiro mentres as chamas dun incendio o ameazan desde abaixo.
Na convocatoria artística tamén participou Ana Moreiras. Preparou unha banda deseñada protagonizada por Castelao e pola súa parella, o actor Miguel de Lira. O eterno Currás de Mareas Vivas botou o día en San Sadurniño facéndolle de modelo a Moreiras e bromeando con todas as persoas que lle foron falar para interesarse, entre outras cousas, pola segunda temporada de “Clanes”, a serie de Netflix na que está traballando neste momento.
As obras de todas e todos eles sorteáronse ao mediodía e á tardiña, pouco antes do remate dunha feira na que tamén houbo música coas Faíscas da Pontraga, descensos en kaiak polo Xubia nos que participaron arredor dunha trintena de persoas, un dos concursos morfolóxicos anuais da Raza Can de Palleiro, obradoiros de cociña para a rapazada e, por suposto, moito e bo produto para mercar.
Este domingo, Romaría da Cortiña e fútbol
O campón do arboreto de especies autóctonas e o paseo fluvial quedaron baleiros sobre as 21:00h. Pero este domingo volverán encherse de movemento coa celebración da primeira Romaría da Cortiña, organizada pola A.C. Concienciarte de Silvalonga.
O programa festivo dominical -que aproveita a carpa e outras infraestruturas da Feira Rural- arrancará ás 13:30h coa actuación de Sanjurjo, Dopico e Cardalda, seguidos polo grupo folc Encrucillada. Xa pola tarde, a partir das 17:30h, será a quenda de Bestas e, para pechar o día de troula, actuará o grupo Graveroad ST.
Ademais da música, a Romaría contará cunha zona de xogos para a rapazada e un espazo preparado para compartir mesa e mantel. O evento celébrase coa colaboración da AC Irmandiños de Moeche, do Concello de San Sadurniño e do Mesón O Ferrador.
Cabe lembrar, por último, que na tarde deste domingo tamén se disputará o XXXI Trofeo de Fútbol Concello de San Sadurniño. Ás 16:30h enfrontaranse no campo da piscina os equipos femininos O Val B e Discalzas SD de Cedeira, mentres que ás 19:30h comezará o tradicional derbi local entre o CF San Sadurniño e a UDC Narahío.