Friday 19 de September de 2025

Santa María recupera, da man do Concello de Neda, as súas festas patronais


Os festexos terán lugar do 8 ao 10 de setembro e contarán coa presenza da orquestra Panamá

Santa María recupera este ano as súas festas patronais. Tras un ano de parón, o Concello de Neda asume a organización dos festexos, que se desenvolverán os días 8, 9 e 10 de setembro na contorna da igrexa parroquial. Entre os principais reclamos, a presenza da Panamá, unha das grandes orquestras do panorama galego.

O cartel inclúe dúas xornadas grandes -a do 8 de setembro, festivo local, e a seguinte- con celebracións relixiosas ás 12.30 horas, e moita música, e unha terceira pensada para que o público infantil.

O Día da patroa, tras a misa solemne pola Natividade da Santísima Virxe María, haberá sesión vermú, animada polo grupo Jaque, cun repertorio de baile cargado de das últimas novidades. Este conxunto participará tamén na verbena, xunto a Eureka, quinteto que recala en Neda dentro da súa xira “The original tour”.

O martes repetirase o esquema. Haberá de novo función. E deseguido, o Dúo Estrellas, que participou este ano no festival de comparsas, será o encargado de poñer música á sesión vermú cun repertorio que combina clásicos con versións do máis actual. O dúo vilalbés estará tamén na gran verbena, protagonizada por unha das orquestras con máis sona de Galicia.

A Panamá band, cunha traxectoria de case corenta anos, e sempre ben situada nos ranking de orquestras, chegará á vila con sete músicos en escena, cinco voces e unha potente montaxe, que garante un bo espectáculo e a conexión cun público ben variado.
A programación festiva inclúe finalmente unha xornada extra, o Día do neno e da nena, a modo de despedida para que o público infantil poida gozar unha vez mais das distintas atraccións que, tras un ano de parón, volven a Santa María.