Friday 19 de September de 2025

A Xunta pon en marcha a sétima edición do programa “Merca no Teu Comercio” para impulsar o sector en novas localidades das catro provincias


― Do 1 ao 15 de setembro desenvolverase esta acción dinamizadora nos concellos de Miño, Pontedeume, Poio, Meaño, Mondoñedo, Lourenzá, Barreiros, A Pobra de Trives, A Teixeira, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Parada de Sil e San Xoán de Río

― As persoas consumidoras poderán rexistrar as súas compras nestes municipios a través da páxina web oficial da campaña ou directamente nos establecementos participantes co gallo de participar no sorteo de tarxetas prepago de 50 euros

― Cómpre lembrar que está aberto o prazo para presentarse aos Premios do Comercio Galego 2025, que se veñen de convocar no marco do Plan estratéxico impulsado polo Goberno autonómico para poñer en valor os profesionais do sector

O próximo luns 1 de setembro arranca a sétima campaña quincenal do programa Merca no teu comercio, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia en colaboración coa Federación Galega de Comercio e que implica novos concellos das catro provincias. A acción dinamizadora prolongarase, neste caso, deica o día 15 deste mesmo mes.

En concreto, están chamadas a participar as persoas consumidoras dos municipios coruñeses de Miño e Pontedeume; dos pontevedreses de Poio e Meaño; dos lucenses de Mondoñedo, Lourenzá e Barreiros e dos ourensáns da Pobra de Trives, A Teixeira, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Parada de Sil e San Xoán de Río.

Como nas anteriores edicións, estas persoas consumidoras poderán rexistrar as súas compras a través da páxina web oficial da campaña ou directamente nos establecementos participantes, ampliando así as súas opcións de participación. As tarxetas prepago que poden gañar por valor de 50 euros cada unha poderán ser utilizadas nos comercios locais adheridos ata o 31 de decembro deste ano.

Cómpre engadir que hoxe mesmo finaliza a sexta edición do programa nas localidades coruñesas de Cariño, Cedeira e Ortigueira; nas pontevedresas da Cañiza, Covelo e Crecente; na luguesa de Rábade e nas ourensás da Rúa, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, Rubiá e Vilamartín de Valdeorras como parte dunha estratexia continuada de apoio ao comercio de proximidade.
Premios do Comercio Galego 2025
O director xeral lembrou ademais que os establecementos interesados en optar aos Premios do Comercio Galego 2025 poden presentar as súas candidaturas ata o próximo 26 de setembro. Poden resultar recoñecidos en cinco categorías: Premio Comercio Galego 2025, dotado con 5.000 euros; Premio Comercio Traxectoria 2025, ao que lle corresponden 3.000 euros; Premio Comercio Emprende 2025, distinguido con outros 3.000 euros; Premio Comercio Dinamización 2025, cunha contía de 5.000 euros; e Premio Comercio Sostible 2025, con 3.000 euros.

A convocatoria enmárcase no Plan estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, dentro da aposta da Xunta por un sector comercial forte, moderno e competitivo capaz de adaptarse ás novas tendencias e demandas dada a súa importancia como xerador de riqueza e emprego, así como vertebrador do territorio.