
As intervencións céntranse nas rúas Fariña Ferreño e Alexander Von Humboldt, onde se renovarán as tubaxes. Os novos colectores serán máis amplos, resistentes e seguros
Nas vindeiras semanas, o Concello dará un paso máis no seu plan de continuidade para renovar a rede de saneamento municipal. Será nos barrios do Castrillón e Elviña, onde se actuará ao longo das rúas Fariña Ferreño e Alexander Von Humboldt, respectivamente.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, contextualizou estas dúas actuacións, que forman parte da programación anual que o Goberno de Inés Rey está a desenvolver en todos os distritos da cidade co obxectivo de modernizar o sistema de recollida e separación de augas.
“Vimos actuando en puntos como a Agra do Orzán, Monte Alto e Os Mallos para substituír as antigas tubaxes de gres e instalar colectores novos, de PVC, amplos e moito máis resistentes e seguros”, explicou. Isto dá máis garantías de prevención fronte a hipotéticos episodios de fugas na rede.
Este plantexamento é o que seguirá precisamente en Fariña Ferreño e Alexander Von Humboldt, por ser dúas rúas onde as infraestruturas de saneamento son de materiais máis antigos —ben de gres ou formigón— e, polo tanto, precisan dunha actualización.
As intervencións arrincaron a inicios desta semana en Alexander Von Humboldt, contraballos que continuarán ao longo de dous meses. No caso de Fariña Ferreño, actuarase no treito comprendido entre a avenida da Concordia e José María Hernansáez, coa previsión de que as obras se executen tamén en dous meses, aproximadamente.
O investimento conxunto nestas melloras no Castrillón e Elviña será de 100.000 euros.