
— Con esta resolución dáse por completada a tramitación ambiental da iniciativa por parte da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático
— O obxectivo da empresa promotora é ampliar a capacidade de trituración do centro xestor de residuos que ten actualmente neste municipio e implantar unha nova actividade consistente nunha planta de pretratamento de chatarra de aluminio
A Xunta outorgou Autorización Ambiental Integrada (AAI) a Aluminios Cortizo SAU para a implantación dunha planta de pretratamento e fundición de chatarra de aluminio no concello de Coirós, instalación que se localizará no centro xestor de residuos non perigosos que ten xa actualmente a empresa no parque empresarial de Pedrapartida.
A resolución, emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, sairá publicada nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia e o proxecto poderá continuar a súa tramitación administrativa.
Deste xeito, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático dá por rematado o procedemento de tramitación ambiental ao que foi sometido esta iniciativa empresarial e no marco do cal a declaración de impacto ambiental (DIA) e mais a AAI foron tramitadas conxuntamente.
De feito, o pasado mes de xuño o departamento autonómico ditou unha DIA favorable á instalación desta planta de fundición de chatarra, condicionada, en todo caso, a que se cumpran tanto o recollido no estudo de impacto ambiental e no resto da documentación presentada polo promotor, como os condicionantes e o programa de vixilancia ambiental que figuran na propia DIA.
Así, froito das consultas realizadas durante a fase de participación pública, os organismos consultados consideraron que o proxecto non terá impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpran as condicións establecidas nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde; augas e leitos fluviais; solo e infraestruturas; xestión de residuos; patrimonio natural e integración paisaxística, entre outros.
A culminación dos trámites ambientais e as correspondentes resolucións favorables por parte da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, en todo caso, non eximen ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que sexan legalmente exixibles para a execución e posta en funcionamento do proxecto.
Actividade actual e obxectivos
Actualmente, Aluminios Cortizo SAU dispón no parque empresarial de Pedrapartida, en Coirós, dun centro xestor de residuos non perigosos dedicada á trituración seguida de clasificación de chatarra de aluminio, cunha capacidade de trituración de 60 t/día e cunha capacidade máxima de almacenamento de 4.980 toneladas.
Co proxecto ao que se lle acaba de outorgar AAI, proxéctase ampliar a capacidade de trituración do referido centro, chegando ata as 360 t/día, así como incorporar unha nova actividade, consistente nunha planta de fundición de aluminio cunha capacidade teórica de fusión de 396 t/día e cunha capacidade máxima de almacenamento de residuos de entrada de 5.580 t.
O promotor, por tanto, pretende realizar unha serie de modificacións no proceso que se viña levando a cabo ata o de agora nestas instalacións, o que obrigou a someter o proxecto aos procedementos de avaliación de impacto ambiental ordinaria e autorización ambiental integrada, aínda que non será precisa a construción de novas edificacións nin a ampliación das xa existentes. Así, a planta de fundición prevista implicará a instalación dos equipamentos necesarios para modificar o procedemento de pretratamento mecánico da chatarra.