
· O Concello inviste 73.000 euros nesta actuación, para a que recibiu unha subvención da Xunta por valor de 40.000 euros.
· A instalación dun ascensor era unha demanda urxente do Concello para facer máis accesible o edificio.
· Tamén se están a renovar as oficinas de ventanilla e os aseos.
O Concello de Camariñas está a levar a cabo as obras para a instalación dun ascensor na casa consistorial, unha actuación na que inviste 73.438,77 euros e para a que recibiu unha axuda de 40.000 euros por parte da Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia. A parte restante, 33.438,77 euros, asúmese con fondos propios.
Este proxecto é clave para garantir a accesibilidade universal e mellorar a atención á cidadanía. Con esta intervención, o goberno local dá un paso importante cara á eliminación de barreiras arquitectónicas, facilitando o acceso de persoas con mobilidade reducida, persoas maiores, familias con carriños e calquera veciña ou veciño que o precise.
A instalación do ascensor responde a unha antiga demanda do Concello e ao seu compromiso coa inclusión e co cumprimento da normativa vixente en materia de accesibilidade. Ademais, permitirá ofrecer un servizo público máis igualitario e cómodo para todas as persoas, con independencia das súas capacidades físicas.
O ascensor integrarase de maneira respectuosa na arquitectura do edificio e contará coa tecnoloxía necesaria para garantir un uso seguro e eficiente. Ademais, aproveitando as obras, tamén se están a renovar as oficinas de ventanilla e os aseos.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.