Wednesday 17 de September de 2025

Preto de 2.000 visitantes pasaron este verán pola oficina de turismo de Neda


Case 2.000 persoas foron atendidas durante este verán na Oficina de turismo de Neda. O servizo municipal, habilitado polo Concello durante a tempada alta, busca mellorar a información en destino e optimizar a atención que se presta aos visitantes, especialmente aos peregrinos e peregrinas que percorren o Camiño Inglés.

Do 15 de xuño ao 15 de setembro, de forma presencial ou telefónica (esta última residual), o persoal da oficina atendeu a un total de 1.977 persoas. Unha cifra semellante á rexistrada no verán anterior, aínda que, a diferencia daquel, destaca especialmente a afluencia de público do mes de agosto, no que pasaron por este punto de recepción de visitantes case 900 persoas.
Dada a localización da nova caseta, en plena ruta xacobea e á beira do albergue de peregrinos, máis do 90% son romeiros que se dirixen a Compostela. E o 65 % dos usuarios e usuarias do servizo son persoas que elixen o albergue de Neda, pertencente á rede pública, para facer noite.

Neste contexto, loxicamente as demandas de información máis habituais son as relativas ao Camiño Inglés. Con todo, cada vez máis peregrinos aproveitan o seu paso pola localidade para descubrir os seus principais atractivos. Dos distintos reclamos existentes, o que máis interese esperta é, con diferencia, a Fervenza do Belelle, seguida das igrexas que se atopan na ruta, especialmente a de Santa María, e posibles rutas de sendeirismo.

Destacan ademais dende a oficina a enorme demanda do servizo de taxi que se oferta para visitas turísticas (traslado e recollida no Pazo de Isabel II dos visitantes que queren desfrutar da Fervenza, coa posibilidade de achegarse tamén ao miradoiro de Ancos).
Durante o trimestre fixeron noite no albergue uns 1.300 camiñantes. A instalación turística, situada xunto á desembocadura do río Xuvia, colgou o cartel de completo cese unha vintena de xornadas, sendo a última a da Festa do Pan de Neda.
A Oficina de turismo, posta en marcha co apoio da Deputación da Coruña, seguirá abrindo todos os días da semana ata mediados de outubro.

Deja un comentario