
· Esta acción, que xa se puxera en marcha no Carme dos Pincheiros, está encadrada na campaña Desmárcate! das violencias machistas da Concellería de Igualdade.
· A concelleira, Estefanía Ramos, cualifica este servizo de esencial “para sensibilizar e garantir que as festas sexan seguras para todas as persoas asistentes”.
As festas do Nazareno contarán cun Espazo Violeta de información, atención e acompañamento ás vítimas de agresións machistas. Esta acción, que xa se puxera en marcha durante as celebracións do Carme dos Pincheiros, está enmarcada dentro da campaña Desmárcate! das violencias machistas da Concellería de Igualdade. O servizo estará dispoñible durante as catro xornadas no interior da praza Alcalde Segundo Durán para cumprir un claro obxectivo: contribuír a que a cita se desenvolva nun ambiente seguro, respectuoso e libre de agresións.
A concelleira de Igualdade, Estefanía Ramos, incidiu na importancia de dispor deste servizo, que cualificou de esencial “para sensibilizar fronte as agresións machistas e para garantir que as festas do Nazareno sexan seguras para todas as persoas asistentes”.
Persoal especializado
O Espazo Violeta estará atendido por unha psicóloga e unha educadora social especializadas en violencia de xénero. Estas traballadoras encargaranse de proporcionar información sobre como actuar ante unha agresión sexista e de sensibilizar ás persoas asistentes sobre a importancia de rexeitar e previr a violencia contra as mulleres. Así mesmo, axudará a calquera persoa afectada a xestionar a situación emocional e a poñer os feitos en coñecemento das autoridades, traballando en coordinación coa Policía Local e Protección Civil.
Ademais de ofrecer información e atención, o persoal fará entrega de diversos materiais divulgativos e de sensibilización como folletos (dispoñibles en galego, español e inglés), pegatinas, saquetas, mochilas, chapas, bolígrafos, pañoletas, pulseiras e sombreiros.
En canto ao horario, o Espazo Violeta funcionará do venres, 19 de setembro, ao domingo, día 21, de 21.30 a 00.30 horas. O luns, día 22, estará operativo entre as 21.00 e as 23.30 horas. O Concello colocou planos coa localización e horarios deste posto nos establecementos hostaleiros colaboradores.
A iniciativa financiarase con fondos do Pacto de Estado contra la Violencia de Género do Ministerio de Igualdad.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.