Wednesday 17 de September de 2025

Os Aloumiños volven a San Sadurniño para facerlle fronte á soidade non desexada


O proxecto “Aloumiños” botou a andar o ano pasado en San Sadurniño para promover as relacións sociais entre as persoas maiores, como maneira de estreitar vínculos, reforzar a comunidade, combater a soidade e contribuír á mellora da saúde do corpo e da cabeza. A iniciativa tivo moi boa acollida e por iso vai repetirse este ano con distintas actividades dirixidas ás persoas maiores de 65 anos, aínda que nelas poderá participar calquera persoa interesada, independentemente da súa idade. Andainas, sesións de benestar emocional, exercicios cardiovasculares, obradoiros sociosanitarios, culturais e de tempo libre… Aloumiños ofrecerá unha chea de posibilidades de lecer activo que veñen complementar as sesións de ximnasia de mantemento que xa se fan nas parroquias.

“Aloumiños” está promovido polo Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia coa colaboración do SERGAS e o apoio do Ministerio de Sanidade, ademais da axuda do Concello de San Sadurniño. Trátase dun proxecto pensado para calquera persoa que poida estar sentindo a falla de compañía, de vínculos sociais ou dunha rede de apoio, xa sexa físico ou afectivo. Unha situación que se deu en chamar “soidade non desexada” e que, ademais, pode derivar en problemas de saúde graves para quen a padecen.

“Previr e atallar a soidade non desexada é un dos grandes retos de saúde pública do noso tempo, xa que repercute tanto no estado anímico das persoas como na súa saúde física e cognitiva”, apunta a concelleira de Benestar, Mari Carme Muíño Filgueira. “Proxectos como ‘Aloumiños’ permiten crear redes de apoio e fortalecer a comunidade. É un recurso moi vaioso para mellorar a calidade de vida por medio dun envellecemento activo”, engade.

Por iso, os encontros semanais de “Aloumiños” serán espazos para falar, para facer actividades de benestar emocional, dar paseos, xogar e xuntarse con outras persoas para facer cousas que axuden a mellorar a saúde física e psicolóxica. O obxectivo é que quen participe atope un lugar acolledor no que compartir experiencias, fortalecer relacións e sentirse parte activa da comunidade.

Trala boa acollida que tivo o proxecto o ano pasado, o Concello volve participar con grupos que se reunirán en Santa Mariña, Lamas e Naraío nos seguintes horarios:

Local social de Santa Mariña do Monte: os martes de 10:00 a 11:00h
Local social de Lamas: os martes de 11:15 a 12:15h
Local social de Naraío: os xoves de 17:00 a 18:00h
As persoas interesadas en participar poden unirse a calquera dos grupos dispoñibles —non é necesario que pertenzan á parroquia onde se desenvolve a actividade— chamando en calquera momento ao teléfono 698 165 131 (Sandra) ou contactando co departamento municipal de Servizos Sociais no 981 490 027 ext. 1.

A este respecto, desde Benestar anímase “a todas as persoas que estean ou se sintan soas, pola razón que sexa, que chamen e se anoten en calquera momento. Incluso se é máis adiante, non pasa nada, Aloumiños está sempre aberto a que veña máis xente. E canta máis, mellor”, recalca Mari Carme Muíño.

Deja un comentario