
§ Cualifica a situación de “inxustificable” e pedirá que se axilice o pagamento no vindeiro pleno municipal
§ Pide ademais que se impulse o proceso de selección para reforzar o cadro de persoal, dando cumprimento ao acordo de orzamentos asinado polos non adscritos co goberno local
Gonzalo Muíños cualifica de “inxustificable” que a Policía Local acumule desde novembro do 2024 o impago das horas extraordinarias realizadas. “Case un ano de horas extras sen aboar é o que acumula o goberno local cos axentes”, criticou, subliñando o malestar que esta situación está a xerar nun cadro de persoal que continúa a realizar un esforzo adicional para garantir unha correcta prestación do servizo.
Muíños lembrou que os retrasos no pagamento das horas extraordinarias “lonxe de ser unha excepción, adoitan ser a norma neste e noutros servizos municipais”. Porén, advertiu de que no caso da Policía Local a situación agrávase pola falta de efectivos.
Con só 108 axentes en activo, o corpo vese obrigado a recorrer de forma habitual ás horas extras para poder cubrir as quendas ordinarias, atender eventos multitudinarios, dar resposta ás manifestacións habituais no municipio ou facer fronte a situacións de emerxencia.
“O certo é que as horas extras son fundamentais para garantir o correcto funcionamento do servizo ante o déficit estrutural de axentes que existe”, sinalou o concelleiro non adscrito. Neste sentido, Muíños anunciou que reclamará explicacións no próximo pleno tanto polos retrasos nos pagamentos como pola paralización dos procesos selectivos destinados a reforzar a plantilla. Lembrou que o acordo de orzamentos asinado polas concelleiras non adscritas co goberno local recollía o compromiso de ampliar o número de efectivos, tal e como figura na Oferta de Emprego Público de 2025, mais desde a súa publicación no mes de maio “non se coñecen avances”.
“O reforzo do cadro de persoal é imprescindible e urxente. Estamos a falar dun proceso longo que debería estar xa en marcha se realmente se quere dar unha solución a este déficit estrutural” recalcou Muíños que recoñece, en calquera caso, que este reforzo “aínda seguiría sen ser suficiente pero supón un primeiro paso”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.