O evento, organizado pola Concellería de Medio Ambiente, reunirá no Parque Liñal de Vilanova (baixo o viaducto da autoestrada) a uns 250 escolares do municipio
Pór de relevo o valor das árbores e dos bosques, estimulando actitudes positivas cara elas; xerar conciencia sobre a importancia da auga para a vida, para o ser humano e para o planeta, salientando a importancia de non malgastar a auga de forma innecesaria e de non contaminala; poñer en valor a poesía como xénero literario, homenaxeando a Manuel María, autor ao que se lle dedica este ano o “Día das Letras Galegas”. Son os principais obxectivos do programa “Adeus ríos, adeus fontes”, que organiza a Concellería de Medio Ambiente de Fene e que chega ao seu fin este venres cunha plantación de árbores autóctonas e cun recital poético no parque liñal de Vilanova (baixo o viaducto da autoestrada). A evento, no que tomarán parte ao redor de 250 escolares do termo municipal, desenvolverase en horario de mañá, de 10.00 a 13.00 horas.
Para o desenvolvemento desta actividade, o Concello de Fene contará coa colaboración de persoal municipal, profesorado dos centros participantes (CPI A Xunqueira, o CPR Jorge Juan e os Ceip de Centieiras, O Ramo e Os Casais), 14 monitores/as contratados e voluntarios/as de protección civil. Tanto o alumnado coma o profesorado participante vestirá unha camiseta conmemorativa da xornada, serigrafiada cunha ilustración do debuxante Alfonso Manuel Philiphot (fondos do Museo do Humor de Fene)
Ademais, o Concello elaborou unha guía para traballar nas aulas -que se enviou aos centros de ensino- na que se explican as características de cada unha das especies a plantar (nome vulgar, científico, procedencia, características, importancia medioambiental, relación coa contorna….) así como con consellos prácticos para a plantación.
Segundo informan dende a Concellería de Medio Ambiente, o alcalde de Fene, Juventino Trigo, será o encargado de dar a benvida aos/ás nenos e nenas que participarán nesta derradeira xornada do programa “Adeus ríos, adeus fontes”. A continuación, o técnico responsable da plantación, o enxeñeiro técnico agrícola Antón Muñíz, informará aos/as escolares sobre o desenvolvemento da xornada e sobre as especies que os/as pequenos/as terán ocasión de plantar.
A este respecto, a concelleira de Medio Ambiente, Mariela Aguilar, avanzou que “as especies foron seleccionadas, tendo en conta a ubicación do parque, o aproveitamento ornamental e frontal do mesmo, as características do lugar e máis as necesidades das plantas, destacando que na zona mais próxima ao rio, é onde os nenos/as plantarán as árbores propias das fragas e bosques de ribeira (capudre, ameneiro, abeleira…) combinando o resto en función das árbores que xa hai no parque”.
No que resta desta xornada de carácter lúdico e medio ambiental, os/as nenos/as -acompañados polo/s profesores/as e monitores/as- dirixiranse en grupos aos lugares asignados previamente para comezar a plantación que se completará, ao remate, cun recital poético. Pechará o acto a concelleira de Medio Ambiente, Mariela Aguilar.
Dende o Concello de Fene, lembran a importancia de que os nenos e as nenas que participen na actividade deste venres leven calzado resistente a auga xa que o terreo vai estar mollado e, aínda que as previsións de chuvia son escasas (hoxe dan o 5% de posibilidades) recoméndase que leven chuvasqueiro por se acaso.
EFEMÉRIDES
O día 21 de marzo conmemórase o Día Forestal Mundial, unha data instaurada pola FAO en 1973 e que veu dar continuidade e universalidade á celebración do Día da Árbore, unha tradición, que, iniciada en Mondoñedo no século XVI, tíñase estendido por todo o mundo.
O día 21 de marzo conmemórase tamén o Día Mundial da Poesía, data instaurada pola UNESCO no 2001 para reflexionar sobre a linguaxe poética e arte das capacidades de moitos creadores do mundo.
O día 22 de marzo, por decisión da ONU en 1993, conmemórase o Día Mundial da Auga, que neste ano 2010 refírese a calidade da auga, necesaria para a conservación de ecosistemas sans e para o benestar humano