No día de hoxe déronse cita á convocatoria a concelleira de Servizos Municipais, Tania Redondo, a Coordinadora de Servizos de Estimulación Terapéutica do Centro de día Público Alzheimer de Ribeira, Vanesa Tubío xunto a artista Tania Fuegho para presentar este Bingo Solidario organizado por Agadea Ribeira.
O mes dedicado á concienciación sobre o Alzheimer é setembro, declarado Mes Mundial do Alzheimer. Durante este mes, búscase aumentar a comprensión sobre a enfermidade, reducir o estigma e promover a acción para previla e tratala, co Día Mundial do Alzheimer o 21 de setembro. Para elo Agadea Ribeira que se ocupa de toda a área da Barbanza neste senso, vai a celebrar o vindeiro venres 5 de setembro as 19.30 horas, no merendeiro da praia de Coroso, un evento cheo de vida, lembranzas e solidariedade: o “Bingo Solidario – Recorda e Gaña”.
A concelleira agradeceu a Agadea polo traballo que está realizando por concienciar á veciñanza desta enfermidade e pola frescura nas iniciativas “xa que o ano pasado sacaron á rúa tódalas dinámicas coas que traballan no centro e este ano teremos un Bingo Solidario en Coroso”. Redondo sinalou que o Concello sempre estará apoiando este tipo de iniciativas para avanzar na concienciación, comprensión e estudo da enfermidade”.
Vanesa Tubío destacou que é “unha cita para rir, compartir e, sobre todo, lembrar xuntos, mentres apoiamos unha causa que nos toca moi de preto: a investigación nas demencias e na enfermidade de Alzheimer”. Tubío tamén destacou que “detrás deste bingo hai algo máis ca premios e cartóns: hai persoas, familias e historias que loitan cada día por manter vivos os recordos”.
Estarán dinamizando o evento Tania Fuegho e Emilio Guillín e ao finalizar o sorteo será o momento da música con Lau Panicanela que estarán amenizando a xornada con un pincho solidario a custo de 2€ no Bar restaurante “O Paseo”.
O cartón solidario para o bingo terá un prezo de 5 euros e os puntos de venda habilitados para mercalo serán, o Centro de Día de Ribeira en horario de 09.00 a 19.00 horas, o Centro Terapéutico de Ribeira en horario de 15.00 a 19.00 horas de luns a venres (luns, mércores e venres de 10.00 a 13.00 horas), bar restaurante “O Paseo” e nunha mesa informativa que estará montada de luns a venres na rúa Galicia en horario de 10.00 a 13.00 horas e de 15.30 a 18.30 horas.
Dende a organización recomendan mercar os cartóns e o pincho solidario de forma anticipada nos puntos de venda habituais, “xa que isto nos axudará a garantirvos unha cadeira e para unha mellor organización do evento”.
Máis información en https://agadea.org/



