Wednesday 05 de November de 2025

O Chanfaina lab enfoca o seu obxectivo en Ferreira, en Bernardino de Lamas e en Castelao


O venres arrancan os tres días de gravación da décima edición do encontro audiovisual, no que este ano participarán cerca de medio cento de realizadoras e realizadores de dentro e fóra de San Sadurniño

 

Do 5 ao 7 de setembro volve o Chanfaina lab, a experiencia de creación audiovisual colectiva na que o protagonismo é de San Sadurniño, da súa xente e da súa paisaxe. Equipos formados por xente de dentro e fóra do municipio percorrerán o territorio durante esta fin de semana filmando historias de todo tipo -ficción, documental, experimental, etc.-, cámara en man como fixera no primeiro terzo do século XX o intelectual Alfonso Piñón Teixido, máis coñecido polos seus alcumes xornalísticos de Bernardino de Lamas ou Luis de Narahío.

A décima edición do encontro audiovisual dedícaselle a este precursor do noso cine e tamén ao Pico de Ferreira. De feito, o cartel deseñado polo pintor nedense Leandro Lamas réndelle tributo tanto a este monte máxico e de peculiar xeoloxía como á faceta de Piñón como camiñante incansable e como “cineísta” que deixou ducias de valiosas películas sobre os lugares que percorría.

Algúns dos filmes conservados na Filmoteca de Galicia poderán verse durante as actividades paralelas programadas dentro do X Chanfaina lab, nas que se inclúen a presentación do libro sobre Piñón escrito polo profesor e promotor do Chanfaina Manolo González (sábado ás 17:00h no local social de Lamas), ou o pase gratuíto -19:30h, Casa da Cultura- do filme “Antes de Nós”, que irá seguido dunha mesa redonda co guionista, Pepe Coira, e co investigador Manuel Rei, autor do ensaio “Castelao, desta terra e deste tempo”. O programa inclúe, ademais, a actuación do grupo Nebra na noite do venres en DZINE, gracias á colaboración do programa DinamizARTJ.

Para este Chanfaina lab confirmaron a súa participación Carlos Amil, Ángela Arnosa, Milagros Bará, Bieito Beceiro, Rocío Campoy, Gon Caride, Brandán Cerviño, Area Erina, Pablo Fontenla, o propio Leandro Lamas acompañado do músico e creador visual Roberto Grandal, Fran da Lobeira, Kevin Lorenzo, Iago Lourido, Pablo Martínez, Álvaro Núñez, Enrique Otero, Anxo Pena, Irene Pin, Cruz Piñón, Gala Rodríguez, Abel Vega e os colectivos NaraíoMedia, A Riqueira, The Sungirls e Teño unha horta.

Son cerca de medio cento de persoas entre amadoras, profesionais incipientes e realizadoras e realizadores con grande experiencia que se xuntan durante tres días para compartiren o reto creativo que lanza o Chanfaina: facer unha peza breve con total liberdade temática e estilística sen sobrepasar os límites municiais.

Tal e como reflicte o programa, todas e todos eles irán chegando desde a media mañá do venres e, tras acomodárense nos aloxamentos previstos pola organización, terán unha recepción oficial na Casa do Concello.

Logo trasladaranse ao arboreto da beira do Xubia para porfillaren a árbore que conmemorará esta edición e, despois do xantar, subirán ao Pico de Ferreira para descubrir as lendas e as peculiaridades xeolóxicas deste enclave, nunha visita guiada polo xeólogo Fran Canosa e por Manolo González. Neste punto farase a foto de grupo que pasará formar parte da colección de instantáneas sobre o evento que tamén se pode visitar no recibidor da Casa da Cultura até finais deste mes de setembro.

No serán do venres, a iso das 19:30h, todas e todos reuniranse na Casa da Cultura na “Eira de cineastas”, o espazo aberto ao público no que cadaquén se vai presentando e mostrando traballos -ou fragmentos- representativos do seu estilo.

A maior parte das realizadoras e realizadores filmarán as súas curtas durante esta fin de semana, aínda que seguramente haberá quen volva por San Sadurniño máis adiante para gravar máis material. O resultado deste traballo, que fan totalmente de balde, poderemos velo na gala das estreas, aló polo mes de febreiro. As producións irán subíndose posteriormente á web do proxecto Fálame de San Sadurniño e, ademais, moitas delas tamén se moverán por festivais de todo o mundo.

O X Chanfaina lab é unha iniciativa do Concello de San Sadurniño que conta con apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña, a través da convocatoria de axudas para festivais audiovisuais. O programa completo é o seguinte:

VENRES 5 SETEMBRO

11:00h a 12:00h Recepción de cineastas na Casa da Cultura.

12:30h Acto oficial de benvida na Casa do Concello.

13:00h Porfillado da árbore conmemorativa do X Chanfaina lab no arboreto da finca da Cortiña.

16:00h Visita xeolóxica e cultural ao Pico de Ferreira (traslado en autobús só para participantes do Chanfaina lab). Este ano o Chanfaina lab dedícaselle ao Pico de Ferreira, como elemento da nosa paisaxe de grande valor simbólico e cultural, ao que antano acudían persoas de toda a volta para curar males de corpo e espírito deitándose no sartego que se encontra no seu cume, coñecido como a Cama de San Vicente. Porén, o pico tamén se ergue como un peculiar inselberg (un monte-illa) formado polos restos máis duros da Cordilleira Varisca, que resistiron millóns de anos de erosión. De feito o Pico de Ferreira é un dos enclaves máis interesantes do Xeoparque do Cabo Ortegal e, por esa razón, vai facerse un pequeno percorrido tendo como guía ao Doutor en Xeoloxía Franciso Canosa, xeólogo do xeoparque mundial da UNESCO. Neste punto aproveitarase para facer a foto oficial do X Chanfaina lab.

19:00h Presentacións e proxección da “Eira de cineastas”. Selección de filmes dos e das cineastas deste ano, que nos presentarán fragmentos de obras representativas do seu estilo e universo creativo. Ademais, a Eira de Cineastas é o xeito de darse a coñecer perante o público e o resto do grupo participante nesta edición do encontro audiovisual. Casa da Cultura. (Entrada libre): Aurresku: “Feitizo” videoclip de Encrucillada dirixido por Gabriel Croanuer; “A casa da luz”, de Carlos Amil; “Punto de ignición”, de Ángela Arnosa; “Crónica de un hombre bueno/Autopsia”, de Milagros Bará; “(Des)conexión”, de Bieito Beceiro; “Una estrella se estrelló“, de Rocío Campoy; “Morte e o meu avó”, de Gon Caride; “Querida presencia”, de Brandán Cerviño; “Eu, a escola”, de Fran da Lobeira; “Aurora” (fragmento), de Area Erina; “Histeria do meu pequeno mundo”, de Pablo Fontenla; “O Apalpador”, de Leandro Lamas e Roberto Grandal; “O pano de seda“, de Kevin Lorenzo; “Solposto”, de Iago Lourido; “A miña cor preferida é o verde”, de Pablo Martínez; “A voz que cala”, de NaraíoMedia; “Hidrolatrías”, de Álvaro Núñez; “Crebinsky” e “Honeymoon” (tráiler), de Quique Otero; “Vella e soa”, de Anxo Pena; “Rent-a-pal”, de Irene Pin; “Anguria”, de Cruz Piñón; “A lenda do Pozo dos Donceis” (fragmento), de A Rigueira; “C.O.I.A.”, de Gala Rodríguez; “No tempo dos escapados”, de Teño unha horta; “Onde me leven”, de The Sungirls; “O parto da Parda” (fragmento), de Abel Vega.

23:45h Concerto da banda Nebra na Sala DZINE. Gracias ao programa DinamizARTJ dirixido ás zonas dos convenios da Transición Xusta, chega a San Sadurniño o grupo Nebra, quen presentará o disco “Sereas”, o seu primeiro traballo. Unha proposta inspirada nas cantigas tradicionais que incorpora sons electrónicos, baixo e percusión cunha sonoridade distinta.

SÁBADO 6 SETEMBRO

10:00h Encontro e gravacións de cineastas.

17:00h Presentación do libro “O cineísta andarengo. A propósito de Bernardino de Lamas” no Local social de Lamas O profesor Manolo González asina a biografía de Alfonso Piñón, activista cultural e político nado en Ferrol en 1887 que, ademais, lle dá nome ao premio impulsado o ano pasado no noso encontro audiovisual. Piñón adoptou o alcume “Bernardino de Lamas” polo amor que lle tiña a esa parroquia de San Sadurniño que consideraba o lugar máis fermoso do mundo. Coñeceremos as súas estadías polo Val de Lamas sobre o que escribiu con agarimo no xornal “El Correo Gallego” e tamén filmou coa súa cámara Pathé Baby entre 1924 e 1934. No decurso da presentación proxectaranse algúns filmes de Bernardino de Lamas. O pintor Leandro Lamas converteuno -xunto co Pico de Ferreira- en protagonista do cartel deste ano.

19:30h Proxección e debate “Antes de Nós”. Casa da Cultura. (Entrada libre).O filme, dirixido por Ángeles Huerta, é unha mirada ao Castelao máis humano e á relación que mantiña coa súa dona, Virxinia Pereira, en dous momentos clave das súas vidas. O pase encádrase nos actos do Ano Castelao e irá seguido dun coloquio co guionista do filme, Pepe Coira, e co profesor e investigador Manolo Rei, autor do libro “Castelao, desta terra e deste tempo”.

DO 5 AO 30 DE SETEMBRO

Exposición fotográfica sobre as anteriores edicións do Chanfaina lab. A mostra pode visitarse no recibidor da Casa da Cultura durante o horario de apertura do centro e da Biblioteca Municipal.