Friday 22 de November de 2024

O concello abre á participación cidadá a redacción do Plan Municipal de Accesibilidade Universal de Riveira


Veciños poden formular propostas a través da web

O Concello de Riveira está inmerso na elaboración dun Plan Municipal de Accesibilidade Universal no noso territorio (o primeiro en toda a comarca de Barbanza) e, para tal fin, reviste vital importancia estimular a participación cidadá no seu deseño.

Dende o día de hoxe está habilitado na páxina web municipal (www.riveira.gal) un formulario a través do cal calquera veciño ou veciña pode expresar as súas suxestións, consultas, críticas ou aportacións no reto de contar cun concello totalmente accesible.

Basta premer no seguinte enlace:
http://www.riveira.es/participacion-cidada/plan-de-accesibilidade/

ou entrar no apartado da web titulado ‘Participación Cidadá’ para tomar parte nesta consulta popular para que os redactores do plan (a entidade TCU, S.L., que resultou adxudicataria da iniciativa por un importe de 21.598 euros, IVE incluído), en sintonía cos axentes implicados, avalíen e, se é o caso, incorporen esas ideas á hora de formular as propostas concretas de actuación.

Por rexistro
Pensando en aquelas persoas que non están habituadas ao uso das novas tecnoloxías, os veciños tamén poden formular as súas aportacións presentándoas directamente a través de instancia no Rexistro Xeral do Concello, situado na nova Oficina de Atención Cidadá.

O plan recolle unha metodoloxía de traballo dividida en cinco fases: recompilación de información, análise da problemática actual, propostas de actuación, valoración de custes e, por último, priorización e plan de etapas de actuación. Por suposto, as entidades de persoas con diversidade funcional terán un papel noi significativo tanto na detección inicial de problemas como nas propostas de actuación e a priorización das mesmas.

Este novo plan avaliará o nivel de accesibilidade existente nos espazos e edificios públicos, transportes, comunicación e servizos da administración pública, definindo aquelas actuacións que resulten necesarias para adaptar todos estes elementos ás necesidades das persoas con mobilidade reducida.

Cómpre lembrar que esta foi unha das propostas recomendadas no PMUS (Plan de Mobilidade Urbana Sostible) nas que se definiron un total de 46 actuacións a emprender ata o ano 2021, entre elas tamén unha Mesa de Peonalización que xa tivo a súa reunión constitutiva a pasada semana.