Wednesday 05 de November de 2025

Inés Rey recibe a unha delegación de bombeiros da Coruña que participou na loita contra os incendios en Ourense e Lugo


Preto de 50 efectivos coruñeses, con apoio de tres vehículos especializados, participaron no dispositivo galego contra a vaga de lumes nos distritos forestais de Ponteceso, Quiroga e Verín

A alcaldesa trasladou o recoñecemento da cidade polo seu esforzo e solidariedade

A alcaldesa, Inés Rey, recibiu esta mañá a unha delegación de bombeiros municipais que nas últimas semanas participaron no dispositivo galego de loita contra a vaga de incendios forestais.

En total, do equipo de Bombeiros da Coruña desprazáronse arredor de 50 bombeiros, organizados en quendas de seis persoas que interviñeron dúas veces ao día durante seis xornadas. Os efectivos coruñeses traballaron en Ponteceso, no distrito forestal de Verín (Ourense) e no distrito de Quiroga (Lugo), empregando tres vehículos: un de mando, un forestal e un nodriza.

A alcaldesa destacou o “orgullo e agradecemento da cidade” durante a recepción. “O voso traballo nestes días difíciles foi exemplar: estivestes alí onde Galicia o precisaba, coa valentía e a entrega que vos caracterizan. A cidadanía coruñesa síntese profundamente orgullosa de vós”, afirmou a rexedora.

Xunto coa concelleira de Seguridade Cidadá, Montse Paz, Rey subliñou que “este recoñecemento é merecido, porque a vosa rápida resposta, a profesionalidade e o compromiso co ben común son un exemplo para toda a cidade”. Así mesmo, lembrou a importancia de “sumar esforzos entre institucións” e destacou a intervención como exemplo da solidaridade.