
“Ao descuberto” é o título da exposición que o pintor ferrolán Daniel Mouriz amosa desde este martes na Casa da Cultura de Fene. A mostra recolle máis de 50 obras nas que o autor desprega a súa visión abstracta da realidade, a través de estruturas expresionistas e surrealistas. Nalgunhas obras, aplícanse elementos minerais e vexetais, así coma materiais reciclados, tales coma papel, cartón, madeira, plástico, principalmente sobre lenzo, pero tamén sobre vidro e cartulina montada en cartón pluma.
A exposición poderá visitarse do 2 ao 29 de setembro no horario da instalación. Até o 14 de setembro, de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas (sábados, domingos e festivos, pechado). E a partir do 15 de setembro, inclusive, de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas (domingos e festivos, pechado).
Daniel Mouriz naceu no ano 1979, en Ferrol, aínda que na actualidade reside en Cedeira. Estudou informática de xestión e deseño gráfico e multimedia, para logo pasar a traballar coma docente e preparador na área de informática.
Aínda que leva pouco tempo expresándose a través da pintura -aproximadamente desde o ano 2017- considera esta arte “coma un medio excepcional para calmar a mente”.
“Ao descuberto” é a terceira exposición que Mouriz realiza en solitario e nela pretende amosar a evolución da súa obra.