Saturday 20 de September de 2025

O Concello contribúe ao impulso do tecido empresarial da cidade coa sinatura de catro convenios con distintas entidades


A alcaldesa asinou os acordos de colaboración para a dinamización dos polígonos de Agrela, Pocomaco e a Cámara de Comercio

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu hoxe no Salón Vermello do Palacio de María Pita o acto de sinatura de convenios de colaboración coas principais entidades empresariais da cidade. En total, o Concello destina 40.000 euros a apoiar iniciativas que reforzan a actividade económica e empresarial ao longo de 2025.

Os convenios contribuirán a impulsar programas da Asociación de Empresarios de Agrela, da Asociación de Empresarios Promotores do Polígono de Pocomaco, da Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación da Coruña e da Fundación para a Promoción Tecnolóxica e Industrial da Coruña e da súa Área de Influencia. Cada unha destas entidades recibirá unha achega de 10.000 euros que permitirá impulsar o fomento da actividade empresarial nos polígonos de Agrela e Pocomaco, desenvolver actuacións de promoción das empresas no exterior e dar continuidade ao labor da Oficina de Promoción Industrial.

No acto participaron, ademais da alcaldesa, o concelleiro de Economía e Planificación

Estratéxica, José Manuel Lage Tuñas, así como representantes das entidades asinantes: Antonio Couceiro, presidente da Cámara de Comercio da Coruña, Teresa Firvida, xerente da Asociación de Empresarios do Polígono de Agrela, e Lucía López Teijeira, presidenta da Asociación de Empresarios do Polígono de Pocomaco.
Inés Rey destacou que estes convenios representan unha mostra clara da colaboración institucional co tecido económico coruñés. “A cooperación coas entidades empresariais é fundamental para reforzar a nosa economía local, mellorar a competitividade e xerar oportunidades que redunden no benestar da veciñanza”, sinalou.