
Xa está aberto o prazo de solicitudes para participar nos cursos, de acceso libre e gratuíto ata completar os cupos previstos
O Concello vén de abrir hoxe o prazo de solicitudes para optar ás máis de 200 prazas dispoñibles nas actividades de formación en competencias dixitais que se impartirán na rede de bibliotecas municipais da Coruña ata finais do vindeiro mes de novembro.
O programa está deseñado para a reducir a fenda dixital, fomentar a inclusión social e dotar as persoas participantes das competencias necesarias para un uso creativo, crítico e seguro de ferramentas tecnolóxicas e en liña, coa finalidade de acadar obxectivos relacionados co traballo, a empregabilidade, a aprendizaxe, o aproveitamento do tempo libre, así como a inclusión e participación na sociedade. A actividade enmárcase dentro do amplo abano da oferta formativa impulsada polo Goberno de Inés Rey para contribuír a garantir o dereito de acceso á información, á educación, á formación e á empregabilidade.
As actividades están orientadas, moi especialmente, ás persoas en idades máis avanzadas, colectivos en risco de exclusión e tamén á veciñanza que precisa actualizar os seus coñecementos en tecnoloxías de uso cotián.
Os cursos, de acceso gratuíto ata completar a capacidade prevista
A programación impulsada polo Concello, de formación presencial, inclúe cursos de uso do ordenador e o teléfono móbil —tanto a nivel de iniciación como a nivel avanzado—, obradoiros para aprender a manexar as redes sociais e outras actividades orientadas ao control parental e protección das e dos menores, ao que se suma a formación en ferramentas de intelixencia artificial (IA) ou a detección de noticias falsas na rede.
As actividades formativas lévanse a cabo nos espazos das bibliotecas municipais da cidade —Ágora, Durán Loriga, Fórum Metropolitano, Monte Alto, Os Rosales e Sagrada Familia—, tanto en horario de mañá como de tarde, co obxectivo de facilitar a participación. O acceso libre e gratuíto mediante inscrición previa, con prazas limitadas.