Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño recomenda consultar o padrón do IVTM se se ten un tractor matriculado antes de 1993 para comprobar que mantén a exención deste imposto


O listado de persoas suxeitas ao pagamento da “rodaxe” de coches, motos e outros vehículos permanece en exposición pública no rexistro do Concello e na Deputación, que é quen ten delegado o cobro deste imposto. Os recibos xa están chegando ás casas dentro do período de pagamento voluntario e, segundo informan desde o propio organismo provincial, poden darse casos de vehículos agrícolas exentos aos que se lles notifique o pagamento do IVTM. Un erro que, en principio, só lle afectaría a tractores matriculados antes de 1993 que pasasen a ITV o ano pasado. Por iso desde o Concello recoméndase acudir ao rexistro municipal -ou ben acceder á sede electrónica da Deputación- para comprobar que a exención segue vixente e se non é así comunicalo no propio rexistro para corrixir as incidencias detectadas. É importante facer a comprobación antes do 18 de abril, data na que finaliza o periodo de exposición pública do padrón do IVTM.

A razón de ter que dar todos estes pasos débese a que cada vez que se lle pasa a revisión a un tractor, a Delegación provincial de Tráfico pásalle a información aos servizos de recadación da Deputación da Coruña. Nese proceso de trasvase de datos o arquivo da Deputación actualízase automaticamente e suprime a información referida a exencións do IVTM sen posibilidade de recuperala despois, posto que o ente provincial non dispón deses datos con anterioridade a 1993, ano no que se lle delegou o cobro do imposto.

Por iso, e mentres non se adopte unha solución técnica que evite o mesmo problema no futuro, desde o Concello recoméndase que aquelas persoas titulares de tractores matriculados antes de 1993 pasen polo Concello para comprobar se o vehículo mantén ou non a exención. Esta recomendación esténdese tamén a aquelas persoas que accedan á sede electrónica da Deputación para ver os recibos ou ás que lles chegase á casa a carta do IVTM referida a maquinaria que noutros anos gozou de exención do imposto.

Se se detecta algunha incidencia no propio rexistro municipal han recoller os datos para elaborar un listado de persoas afectadas que despois se lle enviará á Deputación de cara a anular os recibos. Iso si, a comprobación hai que facela dentro do período de exposición pública do padrón fiscal, que finaliza o próximo 18 de abril.

Cómpre lembrar que o pagamento da “rodaxe” de coches, motos e outros vehículos pode efectuarse no prazo voluntario ata o 18 de maio acudindo co recibo a calquera sucursal de Abanca, Banco Sabadell, BBVA, Banco Santander, Banco Popular/Pastor ou Caixabank. Se non recibimos a carta de pagamento e non temos o imposto domiciliado debemos solicitalo ates desa data na delegación provincial, situada en Esteiro.. Desde a Deputación informan que os recibos domiciliados se cargarán en conta tan pronto como remate o periodo de exposición pública do padrón.

ITV agrícola en Igrexafeita
A unidade móbil da Inspección Técnica de Vehículos estará en Igrexafeita o xoves e mailo venres para pasarlle a revisión periódica aos tractores e outra maquinaria agrícola.

Situarase na pista polideportiva da Torre -ao pé do local social- e atenderá o día 31 entre as 9.00 e as 13.30h. e desde as 15.15 ata as 18.00h. O venres 1 de abril só atenderá pola mañá.

Cómpre solicitar cita previa chamando ao 902.309.000 ou a través da web www.sycitv.com. A admisión de vehículos con características particulares estará condicionada á posibilidade de realizar as operacións de inspección regulamentarias.