Wednesday 17 de September de 2025

A temporada do servizo de salvamento e socorrismo da praia de Caión conclúe despois de 3 meses


O Concello investiu no verán máis de 68.000 euros neste servizo para garantir a seguridade dos usuarios do areal.

O equipo de salvamento, socorrismo, vixilancia e primeiros auxilios da praia de Caión concluíu onte o servizo que estivo operativo durante tres meses, desde o 15 de xuño e ata o 15 de setembro. Cada día entre as 12:00 e as 20:00 horas o areal estivo vixiado por oito efectivos -sete socorristas máis o coordinador- como garantía de seguridade para os miles de usuarios que desfrutaron no verán da que é unha das praias de referencia en Bergantiños e na Costa da Morte e que conta con distintivo de Bandeira Azul.

Na última xornada de servizo o alcalde, José Manuel López Varela, e os concelleiros José Ramón Martínez Barbeito e Rocío López, mantiveron un encontro con parte do equipo de salvamento e socorrismo para valorar o servizo, agradecer o seu labor e despedir a campaña deste verán, que destacou por ser tranquila e sen incidencias graves, e tamén por ser a da estrea do novo posto de atención xunto ao acceso principal ao areal que fora construído polo obradoiro de emprego A Laracha IX.

Ao longo dos últimos tres meses os socorristas realizaron un intenso labor informativo sobre o estado da mar, de control do cumprimento da normativa establecida na ordenanza municipal reguladora do uso das praias e tamén de prevención mediante a sinalización e balizado diario das zonas prohibidas para o baño por tratarse dos puntos máis perigosos do areal debido ás correntes do mar.
Durante o verán atenderon un total de 142 incidencias dos usuarios da praia, o que supón un incremento do 15 % con respecto ao ano anterior, circunstancia que se explica polas mellores condicións climatolóxicas e tamén do mar -con maioría de días de bandeira verde- deste ano que incrementaron a afluencia de usuarios á praia.

Desas 142 incidencias, tres foron rescates que o equipo de salvamento e socorrismo cualificou como de baixa dificultade e que foron resoltos con éxito. Ademais houbo dous traslados en ambulancia e atendeuse un usuario da praia que sufrira unha fractura ósea. Nos datos deste ano tamén destaca a atención por picaduras de medusas de 25 persoas, todas elas producidas a finais de agosto e nos quince días de setembro.

O Concello dedicou este verán máis de 68.000 euros de fondos propios municipais ao servizo de socorrismo, salvamento, vixilancia e primeiros auxilios da praia de Caión, que foi prestado pola empresa Top Rescue.

Deja un comentario